publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta avanza a licitación da variante de Aradas que comunicará o polígono do Tambre coas estradas Santiago-Santa Comba e Santiago-Trazo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a autorización da licitación das obras da variante de Aradas que comunicará o polígono do Tambre coas estradas Santiago-Santa Comba e Santiago-Trazo.

Cun orzamento de 6,3 millóns de euros, Feijóo precisou que, cunha lonxitude próxima a 1,6 quilómetros, esta infraestrutura de novo trazado comezará cunha rotonda no cruce destas estradas, seguirá en dirección oeste-leste, salvando o río Sarela e alcanza o polígono do Tambre á altura da intersección das vías Marconi e Nobel.

Esta nova estrada canalizará os tráficos procedentes de Portomouro, Santa Comba, Val do Dubra, Carballo e Trazo que se dirixan á zona industrial do Tambre ou á rede de estradas situada ao leste de Santiago, e que actualmente teñen que circular polo núcleo urbano da capital galega. Polo tanto, a actuación mellorará o acceso e desconxestionará a rede situada ao nordeste da capital, diminuíndo os tempos de percorrido.

O titular do Goberno galego precisou que esta nova obra desviará un importante volume de tráfico que circula polo barrio de Vite.

“Estamos, polo tanto, a desbloquear definitivamente un proxecto vital do Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo”, concluíu o responsable da Administración autonómica.

15 de decembro de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.