publicidade hoxe

A Xunta adxudica 130.000 euros á comarca da Fonsagrada a través do Fondo de Compensación Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Fonsagrada
A-
A+
Balseiro na visita á Fonsagrada

Balseiro na visita á Fonsagrada

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, afirmou que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinou 130.000 euros á comarca da Fonsagrada a través do Fondo de Compensación Ambiental.

O delegado realizou estas declaracións no concello da Fonsagrada, onde supervisou o vehículo motoniveladora que recentemente adquiriu o concello e para o que recibiu unha subvención de 96.079 euros.

O delegado sinalou que na mesma comarca tamén se beneficiou deste programa de axudas o concello de Baleira, que adquiriu un camión con caixa basculante e guindastre e un compactador de rodetes.

Balseiro subliñou que o Fondo de Compensación Ambiental “permite aos concellos da provincia beneficiarse directamente das explotacións eólicas ubicadas no seu territorio”. As axudas proceden do canon eólico e “están a favorecer especialmente aos concellos rurais do interior de Galicia, que son os que teñen maior superficie destinada a aproveitamento eólico”, asegurou.

Deste xeito, engadiu Balseiro, o Fondo de Compensación Ambiental fai unha importante contribución ás facendas locais, xa que “hai unha liña exclusiva de axudas non competitivas, que benefician a todos os municipios que contan con instalacións eólicas”.

O delegado valorou tamén o obxecto das axudas, dado que “subvenciónanse actuacións propostas polos concellos que inciden directa ou indirectamente en labores de melloras medioambientais”.

As axudas impulsan a dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, ou ben proxectos en ámbitos como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos subministros de auga potable, eficiencia enerxética ou recuperación de espazos naturais, entre outras moitas actuacións.

9 de decembro de 2016 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.