publicidade hoxe

A Semana Verde pecha o ano recuperando o nivel de eventos de hai décadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSilleda
A-
A+
Reunión do Padroado da Semana Verde

Reunión do Padroado da Semana Verde

A Fundación Semana Verde de Galicia pecha o ano con 24 eventos, incluíndo nove procesos selectivos, un nivel de actividade que non tiña desde os anos noventa e triplica o número de eventos que había durante os anos de dificultades.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do Padroado da Semana Verde, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do xerente da Fundación, Ricardo Durán, onde destacou que a entidade vai na dirección correcta e os resultados están a chegar á fundación.

Este ano supuxo a apertura de Fundación Semana Verde a novos sectores de gran importancia para Galicia como a enerxía, coa Feira da Enerxía de Galicia, a formación profesional, con Galicia Skills, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a produción audiovisual. Neste último sector destaca a gravación de El Final del Camino, que repetirá este ano próximo coa segunda temporada. Ademais, a produtora de Pazo de Familia alugará varias dependencias do recinto en xaneiro para gravar escenas de varios capítulos.

Aos 15 eventos realizados hai que sumarlle ademais os nove procesos selectivos que tiveron lugar nas instalacións, congregando a 40.000 persoas no recinto feiral.

Alfonso Rueda valorou esta apertura a novos sectores e indicou que se trata dunha liña que se quere continuar de cara ao ano que vén, no que se consolidará a dinámica positiva de actividade da Semana Verde. Unha dinámica que efectivamente se traslada ás contas, cada vez máis saneadas. Así, a fundación volve a obter resultados positivos en 2016, despois dos acadados en 2014 e 2015, logrando por fin extinguir débedas históricas que carrexaba a fundación.

Central Agropecuaria
A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, por segundo ano consecutivo, e tras máis dunha década de declive, confirma un ano máis de crecemento, tanto en afluencia (6,21%, con 44.071 animais en total) como en transaccións (con máis de 17 millóns de euros en total), superando os resultados positivos do ano pasado. O bo ano para a Central, única lonxa nacional de gando informatizada, completouse coa renovación do seu sistema informático.

Hai que ter en conta que a Fundación Semana Verde ten unha función de promoción dos sectores aos que está vencellada, non ten ánimo de lucro, polo que, saldada a débeda histórica con provedores, o obxectivo para 2017 deixa de ser acadar superávits significativos, e apostarase polo equilibrio de gastos e ingresos.

29 de decembro de 2016 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.