publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A incorporación de Boiro permite a todos os concellos da comarca do Barbanza formar parte do programa de vivendas baleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio co Concello de Boiro

Ethel Vázquez na sinatura do convenio co Concello de Boiro

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Boiro, José Dieste, un convenio de colaboración para a adhesión de este municipio ao Programa de Vivendas Baleiras. Etthel Vázquez explicou que “grazas a este acordo crearase unha bolsa de vivendas sociais para alugueiro, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais”.

O Concello de Boiro solicitou a súa adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta, logo de que no mes de maio se asinara coa FEGAMP o convenio para o seu desenvolvemento. Con esta sinatura, Boiro únese aos municipios de Ribeira, A Pobra e Rianxo, co que todos os concellos da comarca do Barbanza xa se teñen sumado a esta iniciativa do Goberno galego. Neste momento xa hai 28 concellos de Galicia, 17 da provincia da Coruña.

Ethel Vázquez explicou que “é especialmente importante que todos os municipios galegos sigan o exemplo de Boiro e dos outros 16 concellos da provincia da Coruña que xa teñen asinado este convenio, e colaboren con nós, xa que é importante tamén que vilas máis pequenas se doten dos instrumentos necesarios para poder facer fronte a este tipo de situación”.

A responsable de Infraestruturas reiterou que “non deixa de sorprendernos que mentres Santiago xa se ten adherido ao programa da Xunta, outros municipios, con idéntica cor política, como é o caso da Coruña e de Ferrol se neguen a participar e a cooperar con nós na loita contra os desafiuzamentos cando o que lle estamos a pedir non supón custo algún para as arcas municipais”.

Dentro das principais características do programa está o prezo máximo da renda do aluguer que é de 300 € -, a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios. Así, o alugueiro resulta de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario. O beneficiario poderá compatibilizar con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.

Por outra banda, as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que financia: un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios. Con este programa, Xunta e Concello de Boiro dotan de máis recursos para protexer o dereito constitucional a unha vivenda.

Vázquez lembrou que “desde o Goberno galego estamos a poñer todos os medios ao noso alcance para loitar contra os desafiuzamentos, impulsando un total de 12 medidas, un conxunto de actuacións que a Valedora do Pobo, no seu informe de 2015, recoñece significativamente máis ambicioso que o doutras comunidades autónomas”.

Senda peonil

Por outra banda, nesta visita a conselleira de Infraestruturas e Vivenda tamén aproveitou para supervisar o remate das obras da senda peonil que xa une o núcleo de Vilariño coa entrada da travesía de Boiro. Unha senda de case un quilómetro coa que se incide no reforzo da seguridade viaria, principalmente dos usuarios máis vulnerables, os peóns.

Esta vía vén sumarse ás melloras realizadas na estrada que une Padrón e Ribeira (AC-305), nas travesías de Boiro e de Escarabote e no treito entre Ponte Beluso e Cespón, pendentes só de pequenos remates. Dúas actuacións en materia de seguridade viaria que supuxeron un investimento próximo aos 350.000 €.

19 de decembro de 2016 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.