publicidade hoxe

A Deputación da Coruña financia un programa para erradicar o chabolismo en Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaNarón
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de asinar un convenio co concello de Narón para financiar un programa de erradicación do chabolismo, que posibilite o acceso a todos habitantes dos poboados a unha vivenda digna. A institución provincial asume máis da metade do custe das actuacións, aportando 33.424 euros, que sufragarán o salario do persoal e os servizos externos necesarios para o desenvolvemento do programa.

O obxectivo xeral do proxecto é crear un instrumento estable que posibilite o acceso progresivo de todas as familias chabolistas á vivendas normalizadas. Para elo, prográmanse sesións informativas e didácticas, e asesórase ás familias no seu proceso de busca e adaptación ás novas vivendas. O proxecto tamén contempla accións en ámbitos coma o laboral, o cultural, o educativo, a saúde ou a igualdade.

Os traballadores sociais contratados cos fondos provinciais localizan e xestionan axudas en materia de vivenda, contactan con inmobiliarias e visitan pisos en aluguer ou venda para analizar a súa idoneidade para as familias. O proceso de busca de vivenda complétase co acompañamento e intermediación entre a familia e a persoa que aluga, tentando resolver as dificultades ou prexuízos.

Como complemento a estas actuacións, trabállase coas familias en sesións formativas sobre a vivenda, coma obradoiros de xestión doméstica, organización mensual do orzamento familiar, os documentos da casa, facturas, ou seguros. Así mesmo, os traballadores e educadores sociais acompañan ás familias para que coñezan e se adapten ao novo entorno, amosándolles os recursos, equipamentos e servizos da zona. O obxectivo desta liña de actuacións didácticas é fomentar a convivencia e mellorar as relacións entre as persoas de distintas culturas.

Doutra banda, dentro dos asentamentos, o proxecto contempla a realización de sesións centradas na relación veciñal, a escolarización dos menores, información dos recursos e axudas convocadas, asesoramento das diferentes notificacións que reciben ou deberes cívicos a cumprir. Tamén se concertan reunións coas comunidades de veciños afectadas polo realoxo.

Co obxectivo de avaliar e estudar a situación dos poboados chabolistas, o proxecto financiado pola Deputación inclúe a actualización do censo demográfico, o cal permitirá facer previsións das necesidades de aluguer.

As intervencións realizaranse no Centro Municipal de Formación, na Casa da Cultura, no Servizo Sociocomunitario Municipal nos asentamentos chabolistas de Amenadás e O Vilar.

Mellorar a situación de parroquias conflitivas

O programa de erradicación do chabolismo en Narón permitirá solventar as situacións de conflitividade nas parroquias de San Xiao, A Gándara, Santa Icía, Xubia, San Mateo e Freixeiro, que afectan á poboación en xeral, sobre todo á que reside máis preto dos asentamentos.

A comezos do ano 2016, o censo aproximado nos asentamento chabolistas de Narón era de 253 persoas, distribuídas en 64 familias.

O programa no que participan a Deputación e o concello de Narón permitiu, nos últimos anos, integrar a parte destas familias na sociedade naronesa e eliminar grandes focos de conflitividade, a través de actuacións respectuosas coas características culturais da poboación xitana.

29 de decembro de 2016 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.