publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 440.000 euros a acondicionar o paseo da ría e reparar o firme da estrada da Ponte do Porto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCamariñas
A-
A+

A Deputación da Coruña mellorará un tramo de 410 metros da estrada DP-1603 ao seu paso por A Ponte do Porto, no termo municipal de Camariñas.
A institución provincial destina máis de 440.490 euros a estas obras, que permitirán mellorar a seguridade vial e renovar o paseo peonil para crear un espazo de ocio e espallamento para os veciños.

Actualmente, a vía conta cun amplo paseo, á beira da ría do Porto, formado por beirarrúas de baldosa hidráulica, que debido ao paso do tempo presentan un deterioro importante. Do mesmo xeito, o firme da estrada atópase desgastado e con irregularidades na superficie, o que supón un perigo para os viandantes e usuarios da vía.

Para remediar estas carencias, o proxecto elaborado polo servizo de Vías e Obras da Deputación contempla o fresado da capa de rodaxe e a posterior reposición do pavimento con cinco centímetros de mestura bituminosa en quente.

De igual xeito, procederase á demolición das beirarrúas e bordos existentes e levarase a cabo unha nova distribución das zonas axardinadas. Rematados estes traballos, construiranse novas beirarrúas.

As obras tamén incluirán a creación de novas prazas de aparcamento, pavimentadas con formigón. Para delimitar o a zona de aparcamento coa calzada, disporase unha canaleta prefabricada de formigón dotada cunha reixa para que tamén cumpra a función de recollida de augas pluviais.

Árbores, bancos e novas luminarias para humanizar a zona

Para humanizar o paseo da ría e favorecer o desfrute do mesmo, colocaranse árbores Ginko Biloba e bancos de pedra granítica, substituiranse os farois por uns novos de características similares aos xa existentes no municipio e disporanse luminarias empotradas ao longo do paseo.

Así mesmo, limparase con agua a presión o muro e a varanda, logrando deste xeito un aspecto renovado.

A totalidade das obras realizaranse conforme ás normativas vixentes en materia de accesibilidade, e contemplan a supresión das barreiras e obstáculos que impiden ou dificulten o uso da vía ás persoas con diversidade funcional ou sensorial.

26 de decembro de 2016 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.