publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación confía a xestión do Dolmen de Dombate e o ecomuseo do Forno do Forte aos concellos de Cabana e Malpica

O deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto Vivero, asinou hoxe un convenio co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, para a xestión integral do ecomuseo do Forno de Forte de Buño, e outro acordo similar co alcalde de Cabana, José Muíño Dominguez, con respecto ao Dolmen de Dombate.

A través destes acordos, a Deputación transfire aos concellos a xestión dos bens culturais de titularidade provincial, para que organicen as visitas e servizos de guía, programen actividades, fomenten o estudo e a investigación do patrimonio da zona e se encarguen do mantemento e conservación dos mesmos durante o ano 2017.

A institución provincial aportará 120.000 euros aos concellos de Malpica e Cabana de Bergantiños para cubrir os gastos de xestión. Deste modo, a Deputación pon a disposición de cada concello un máximo de 60.000 euros co obxectivo de garantir a valorización e mantemento dos dous bens culturais.

Conxunto etnográfico do Forno do Forte de Buño

A Deputación da Coruña colabora co concello de Malpica de Bergantiños desde o 2006, na posta en valor e difusión da olería tradicional de Buño, mostrando desde a vida cotiá dos artesáns ata todo o proceso de elaboración das pezas, nunhas instalacións que recuperan e conservan os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á alfarería.

Por primeira vez no 2016, a Deputación concedeu a xestión integral do ecomuseo do Forno do Forte de Buño ao concello de Malpica, establecendo así os principios dun acordo que se encamiña cara unha futura cesión do conxunto etnográfico.

O acordo firmado hoxe polo alcalde, Eduardo Parga Veiga, renova o compromiso da Deputación e o Concello. Entre as funcións que adquire o concello e Malpica de Bergantiños, atópase ofrecer un horario mínimo de atención ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas, todos os días da semana a excepción do luns. Así mesmo, manterase a taberna ao servizo dos visitantes, cunha oferta baseada nos produtos tradicionais da zona.

Dolmen de Dombate

O convenio asinado hoxe polo deputado provincial Xesús Soto e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, establece a cesión ao concello do servizo de atención a visitantes e a programación de actividades destinadas á protección, conservación, e posta en valor da “catedral do megalistismo” galego. Tamén se destinan parte dos fondos a seguridade e control de acceso e actividades culturais complementarias de música ou teatro como os ciclos “Inverno na memoria”, “Primavera das letras”, “Verán cultural” ou “Outono do patrimonio”, que se desenvolverán no recinto.

Entre outras actividades de difusión e formativas, o Dolmen de Dombate acollerá visitas escolares todos os venres de xaneiro, febreiro, marzo, outubro, novembro e decembro e os xoves de abril, maio e xuño. Así mesmo, realizaranse visitas guiadas abertas ao público en xeral cada 30 minutos. Como actividade nova propóñense as visitas nocturnas nas noites do verán.

O convenio estipula os horarios de atención ao público que serán de fin de semana en temporada baixa e ampliaranse a toda a semana en temporada alta. O Domen conta tamén cun teléfono habilitado para a atención a visitantes para cita previa co número 981 754 020 e poderase reservar tamén por escrito a través do correo electrónico cultura.concello@gmail.com ou no fax 981 754 229.

30 de decembro de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.