publicidade hoxe

A Consellería do Mar estuda as demandas da confraría de Vilanova para mellorar servizos e instalacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta mañá unha xuntanza coa patroa maior da confraría de Vilanova de Arousa, María José Vales, na que abordaron diversas cuestións de interese para a entidade e que dende a Consellería se acordaron estudar.

Neste sentido, os representantes do cabido de Vilanova solicitaron axuda á Consellería para acometer unha serie de arranxos no edificio da confraría coa finalidade de mellorar os seus servizos. Ademais, tamén requiriron colaboración para poder adquirir unha máquina clasificadora de moluscos bivalvos e unha grúa para efectuar descargas de mexillón.

No encontro tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, o vicepatrón maior primeiro da confraría, Honorio Conde, e a presidenta da agrupación de marisqueo a pé, María Carmen Martínez Pereira.

A conselleira do Mar agradeceu aos integrantes do pósito “o interese amosado na mellora das súas instalacións”, o que reflicte, sinalou, “que é un colectivo que traballa con vistas a mellorar a cadea da comercialización de produtos pesqueiros, o rendemento da súa actividade e a calidade dos seus servizos”.

7 de decembro de 2016 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.