publicidade hoxe

A Consellería de Mar traballa na mellora da operatividade e calado dos peiraos da Mariña lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiro
A-
A+

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza de traballo co director de Portos de Galicia, Ignacio Villar, para valorar diversos proxectos que este organismo está a desenvolver na Mariña. A reunión, á que tamén asistiu o xefe territorial de Mar, Pablo Ramón Fernández Asensio, serviu para facer seguimento do estado dos proxectos de dragado dos portos mariñáns, nos que Portos vén traballando de xeito ininterrompido.

Ao respecto, o director de Portos informou de que a Consellería de Mar adxudicou hai uns días o estudo de impacto ambiental do dragado do porto de Ribadeo por un importe de case 50.000 euros. Ademais, ao longo do vindeiro ano están previstas labores de mantemento e de limpeza de fondos.

Pola súa banda, no que se refire ao dragado do porto de Celeiro e o porto deportivo de Viveiro, prevese que o próximo ano poidan licitarse e adxudicarse as obras, sempre en función dos requisitos de tramitación ambiental previa que teñen que cumprir este tipo de actuación por lei. Ao respecto, están xa contratado os estudos para a xestión do material do dragado e para a zona de vertidos.

Na xuntanza abordáronse outras iniciativas que se acometerán nos vindeiros meses, entre as que destaca a segunda fase do proxecto de amarre e defensas no porto de Celeiro. Durante a primeira fase, executada este ano, substituíronse as antigas defensas no peirao comercial por 12 defensas tipo vertical de caucho, e instaláronse tamén 5 novos morróns de 75 toneladas de carga en aceiro para atraques que facilitan a carga de minerais. No peirao pesqueiro instaláronse outros 6 morróns de 50 toneladas de carga, 13 defensas verticais e outras 6 de rosario.

12 de decembro de 2016 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.