publicidade hoxe

A conselleira do Medio Rural celebra o incremento da produción de queixos e meles amparados por selos de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTouro
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá en Touro a entrega de premios da XIX Cata dos Queixos e XV Cata dos Meles de Galicia, onde celebrou o incremento da produción destes produtos amparados por selos de calidade e felicitou aos presentes pola calidade destes alimentos tan típicos e imprescindibles da nosa gastronomía.

A conselleira sinalou que o queixo amparado baixo denominacións de orixe protexidas (DOP) en Galicia deixou como resultado no ano 2015 case 5.300 toneladas e preto de 33 millóns de euros, cun incremento do 6% tanto en toneladas como en valor económico. No referido aos meles, Ángeles Vázquez subliñou que o número de colmeas amparadas baixo selo incrementouse nun 15%, chegando a máis de 40.800, e xerando un valor económico de máis de 2 millóns de euros, un 14,3% máis co ano anterior.

Estas cifras son un claro exemplo de que a produción agroalimentaria en xeral e a de calidade diferenciada en particular teñen un gran peso dentro da economía galega e, por iso, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez deseñou un orzamento para 2017 que mantén un firme apoio a este sector.

Así, sinalou que se incrementa preto do 35% o orzamento destinado a abordar accións promocionais -executadas directamente pola Consellería- para difundir a imaxe dos nosos produtos de calidade no exterior. Tamén aumenta en máis dun 32% a partida destinada a financiar as actividades de promoción realizadas por consellos reguladores e asociacións; así como o orzamento para as axudas a investimentos en instalacións industriais co fin de mellorar as condicións de transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios, cunha suba dun 47% no orzamento.

Deste xeito, matizou a conselleira, a Xunta vai seguir apostando para que o sector da alimentación manteña o seu peso no mercado nacional e internacional e acade a sona que se merece grazas á calidade dos nosos produtos e ao traballo e esmero de produtores e industrias. Así, Galicia colócase con 30 denominacións e indicacións entre as primeiras comunidades autónomas españolas en canto a identificación de produtos de calidade diferenciada, sen contar os catro selos que actualmente se atopan en trámite -IXP Ribeiras do Morrazo, IXP Capón de Vilalba, IXP Pan Galego e IXP Vaca e Boi-.

Estas producións, engadiu, son o baluarte do noso sector alimentario e teñen unha gran importancia tanto no plano social -ao implicar a máis de 28.000 produtores e máis de 900 industrias- como no económico -xa que o valor en orixe da produción certificada supera os 370 millóns de euros-.

Participantes nas catas

Nesta XIX edición da Cata dos Queixos e na XV Cata dos Meles de Galicia participaron un total de 66 e 29 mostras, respectivamente. No tocante aos queixos, 27 correspondían á Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa (18 de queixo fresco e 9 de queixo curado), outras 24 á DOP Queixo Tetilla, 10 á DOP San Simón da Costa e 5 á DOP Cebreiro. En canto aos meles, 17 mostras correspondéronse á categoría de multiflorais e 12 á de monoflorais, todos eles pertencentes á colleita deste ano 2016.

21 de decembro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.