publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Administración electrónica comeza a implantarse en seis concellos da provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaCambadosCangasCerdedoCotobadeMondarizPontecesuresPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra, para dar cumprimento á lexislación vixente relativa ao acceso electrónico da cidadanía ás actuacións públicas, está a prestar o servizo de implantación, uso e soporte dunha solución de Administración electrónica para os concellos de menos de 50.000 habitantes. Con esta prestación, á que a institución provincial destina 847.000 euros, preténdese facilitar que os concellos que non contan cos recursos suficientes poidan levar a cabo a adaptación e modernización tecnolóxica.

Desde a posta en marcha desta actuación foron varios os concellos que se puxeron en contacto coa Deputación de Pontevedra para solicitar esta subministración, incluída no marco das competencias que a Lei de réxime local concede ás institucións provinciais. Deste xeito, por orde de solicitude, o primeiro concello en implantar a Administración electrónica será Agolada (a partir de mañá 22 de decembro), seguido de Cerdedo-Cotobade (27 de decembro), Pontecesures (28 de decembro), Cangas (2 de xaneiro de 2017), Cambados (3 de xaneiro de 2017) e Mondariz (9 de xaneiro de 2017).

A través desta actuación a Deputación de Pontevedra impulsará solucións de Administración electrónica para que os concellos dispoñan dunha sede electrónica personalizada para relacionarse coa cidadanía e, por outra banda, un portal para que o persoal da Administración local poida realizar a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos. A través desta ferramenta poderase consultar un catálogo de servizos electrónicos de trámites, consultas de expedientes ou procedementos que se poden iniciar de forma telemática e presentar no rexistro electrónico sen necesidade de realizar un desprazamento presencial ás administracións.

A Deputación de Pontevedra achegará a implantación das aplicacións necesarias e a posta en marcha do sistema; un plan de formación orientado á aprendizaxe dos aspectos técnicos e funcionais da nova ferramenta para a súa posta en funcionamento; un soporte dirixido ás e aos usuarios para resolver consultas; o mantemento correctivo, evolutivo e perfectivo dos servizos, a súa actualización e a inclusión de novas funcionalidades. Todo iso se realizará en estreita colaboración cos servizos informáticos dos concellos da provincia adscritos á iniciativa.

21 de decembro de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.