publicidade hoxe

500 cativos participan no “V Torneo Internacional Deputación de Pontevedra Galicia-Salnés 2016” de balonmán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

A deputada de Deportes, Chelo Besada, e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, presentaron hoxe no Pazo Provincial o “V Torneo Internacional Deputación de Pontevedra Galicia-Salnés 2016” de balonmán, que se desenvolverá nos concellos de Meaño, O Grove e Cambados entre o 3 e o 6 de decembro. No evento participarán medio milleiro de nenas e nenos de equipos de Galicia pero tamén de países como Suecia, Dinamarca e Portugal, nas categorías xuvenil, cadete e infantil.

Chelo Besada estivo acompañada da presentación pola alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha; o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos e o concelleiro de Deportes de Cambados, Víctor Manuel Caamaño. A deputada salientou o feito de que “o balonmán é un deporte que se está a popularizar na provincia de Pontevedra, e na comarca do Salnés contamos xa con equipos federados en Meaño e O Grove”.

Ademais, a responsable de Deportes lembrou que mediante o programa “DEPOrte Escolas” da Deputación, “2.700 nenas e nenos están aprendendo a xogar a balonmán en 27 concellos”. Segundo explicou, “para a Deputación o deporte é algo máis que grandes probas que percorren a xeografía, queremos que siga a ser un eixo vertebrador da provincia”.

A alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, puxo de relevo o feito de que participan no torneo arredor de 500 xogadoras e xogadores e case “1.000 pais e nais”, o que implica unha gran “repercusión para o turismo”.

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, coincidiu en que eventos deportivos de carácter internacional coma este permiten “dar a coñecer a paisaxe, o contorno”, e converten o deporte nunha “vía de promoción turística”.

Mentres, o concelleiro de Deportes de Cambados, Víctor Manuel Caamaño, indicou que o balonmán é un “deporte interesante desde o punto de vista da igualdade, porque ofrece as mesmas condicións para nenas e nenos”,

Pola súa parte, o xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón García, asegurou que o deporte é un importante “sistema de transmisión de valores” en ámbitos coma a saúde ou o lecer, mentres que eventos coma este torneo supoñen “un escaparate moi importante” para atraer turismo internacional para a que xa é “a comarca máis turística de Galicia”.

E finalmente, o vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Francisco Javier Álvarez, lembrou que ademais do torneo haberá actividades paralelas, como un curso para a “formación de árbitros de balonmán”, e que os encontros que se xoguen servirán de “preparación” para a participación dos equipos galegos nos vindeiros campionatos de España sub-17.

2 de decembro de 2016 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.