publicidade hoxe

Unha protesta no Carballiño pedirá a absolución do mozo detido nas Marchas da Dignidade de 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Carballiño
A-
A+
Europa Press

Unha manifestación percorrerá este sábado O Carballiño (Ourense) en apoio a Emilio Cao, o veciño deste municipio que foi detido nas Marchas da Dignidade en Madrid en 2014, co fin de reclamar a retirada de cargos e a libre absolución para un mozo ao que o fiscal pide cinco anos e oito meses de prisión.

Este mércores, membros da Columna Galega das Marchas da Dignidade concentráronse na Praza do Obradoiro, en Santiago, para informar sobre a mobilización que levarán a cabo o 3 de decembro no Carballiño. Na pancarta que portaban podíase ler ‘Non á represión. Todos somos Emilio Cao’.

O 22 de marzo de 2014, Emilio Cao, un novo de 18 anos do Carballiño pertencente ao colectivo Estudantes sen Futuro, participou xunto a miles de persoas nas Marchas da Dignidade que confluíron en Madrid, onde foi detido, ao igual que cerca dunha trintena de persoas — unto a dous galegos máis–, acusado de cargos como agresión a un axente, que nega, no marco dos disturbios acontecidos.

En declaracións, o propio Emilio Cao, que se atopaba entre os presentes no Obradoiro este mércores, explica que “está á espera” de saber que acontece co seu caso, xa que non lle chegou notificación “de cando” pode ser a apertura de xuízo, “nin de que xeito, nin en que lugar”.

“O avogado di que non me preocupe, que non me vai pasar nada, pero isto é unha ruleta”, apunta este mozo, que agrega que: “Sempre tes a mosca detrás da orella, porque nunca sabes como se poden desenvolver os acontecementos”.

“A pesar de todo, a pesar da represión e dos intentos inquisidores por parte do Estado de frear a mobilización popular, vou persistir e a seguir organizado politicamente”, deixa claro Cao.

MANIFESTACIÓN

A protesta sairá da praza maior do Carballiño ás 12,00 horas do sábado, nunha manifestación que os organizadores prevén que sexa “masiva”, pois consideran que “non hai solución” sen mobilización”.

En declaracións, Manolo Caamaño, un dos voceiros da Columna Galega das Marchas da Dignidade e membro da CUT, destacou que sairán á rúa “contra a represión que se está a asañar contra un veciño do Carballiño”, “un compañeiro que simboliza a loucura que representa o réxime” pola vía represiva”.

Tamén acudiu a dar o seu apoio a esta protesta a deputada de En Marea Eva Solla, quen demandou a “absolución das penas que se piden” a este mozo, ao tempo que cargou “contra a lei mordaza”.

“Non imos tolerar nunca que unha montaxe policial ao final dunha manifestación, que foi totalmente pacífica, lle vaia servir a estes represores, a estes Torquemadas do século XXI, para enchironar a un rapaz do Carballiño”, sentenza pola súa parte Anxo Valladares (CGT).

Así mesmo, o Sindicato da Elevación pide a “liberación total” de Cao, ao tempo que indica que as liberdades “non poden estar limitadas por leis absurdas” que coartan a reivindicación de dereitos como “dignidade, pan e teito”.

30 de novembro de 2016 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.