publicidade hoxe

Solicitan información para determinar se o accidente de Cedeira foi fallo da varanda ou da estrutura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal PortadaSucesos
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil que investiga as causas da caída este domingo dun balcón en Cedeira (A Coruña), que causou a morte a a unha moza de 33 anos, solicita datos e probas para determinar se foi un “fallo da varanda, do balcón” ou da “estrutura” do edificio.

Así o manifestou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, a preguntas dos medios coincidindo coa súa presenza nun acto na Coruña.

Sobre esta cuestión, Villanueva dixo que a Garda Civil está a tratar de descubrir se o accidente se produciu por “unha circunstancia que refire a causas estruturais do edificio”. “A investigación está aberta”, afirmou Villanueva, que subliñou que será a Garda Civil quen determine as causas do acontecido “para ver se é fallo da varanda, do balcón ou da propia infraestrutura”.

O sinistro, no número 12 da rúa Estrada, tivo lugar pasadas as seis e media da tarde ao ceder a balaustrada na que estaban apoiadas dúas mozas, unha das cales caeu ao baleiro e faleceu.

Ata o edificio acudiron efectivos sanitarios, Bombeiros de Ferrol, da Garda Civil e da Policía Local. A outra rapaza que estaba no balcón puido entrar na vivenda, onde se reuniran uns seis amigos.

21 de novembro de 2016 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.