publicidade hoxe

Rey Varela define aos avós participantes no programa da Cruz Vermella como “a voz da experiencia de Galicia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Rey Varela na visita ao Centro Socio Comunitario de Ferrol

Rey Varela na visita ao Centro Socio Comunitario de Ferrol

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou no Centro Socio Comunitario de Ferrol aos 13 maiores participantes na escola de avós e avoas educadores de Cruz Vermella. Este programa pioneiro de soporte psicosocial a persoas maiores que exercen labores parentais con menores de idade é froito dun convenio asinado entre a Consellería de Política Social e a Cruz Vermella o pasado mes de xuño e desenvólvese nas sete grandes cidades galegas durante os meses de outubro, novembro e decembro. Alí, Rey Varela destacou ás 13 mulleres participantes no programa como “a voz da experiencia de Galicia e a mellor aposta pola conciliación”. Elas son, incidiu, “13 razóns para crer na nosa demografía, 13 exemplos para os seus netos e 13 alivios para o vertixinoso ritmo da vida cotiá dos seus fillos”.

Nas súas verbas, o máximo responsable da carteira social do Goberno galego, salientou a importancia destacada que teñen os avós e avoas para a Xunta de Galicia por ser “unha peza chave na nosa estratexia de pulo á demografía que levamos implementando nos últimos anos” xa que, continuou, “se hai un membro da familia que facilita en moitas ocasións a crianza dun neno eses son os avós”.

O conselleiro tamén valorou a figura dos nenos e a súa importancia para a Xunta de Galicia. Rey Varela apuntou que “a Consellería de Política Social axuda moi especialmente a aqueles nenos que non teñen familia xa que precisan un plus por parte da Administración”. “Estamos traballando xa con Cruz Vermella para mellorar o programa de familias acolledoras e os programas de maiores nunha lexislatura que está comezando e que nos permitirá iniciar novos retos e novas oportunidades para os nosos maiores e para os nosos pequenos”, engadiu.

A realidade social actual pon de manifesto que moitas persoas maiores se fan cargo da educación e crianza de netos e netas menores de idades, como fonte esencial de apoio á conciliación familiar e laboral, así como de apoio social cando os pais e nais non poden facerse cargo dos seus respectivos fillos e fillas. “Estas funcións de apoio poden en moitos casos supoñer un factor de estrés que afecta á calidade de vida dos maiores”, sinalou o titular de Política Social. Así mesmo, ponse de manifesto que os problemas familiares son en moitos casos transxeneracionais, xa que determinadas pautas educativas que puideron xerar disfuncións en determinados grupos familiares, poden repetirse nas novas xeracións.

Así e a través desta iniciativa tratarase de ofrecer unha resposta a aquelas persoas maiores que exercen labores parentais de coidado e crianza, a través de espazos grupais de formación e auto soporte, así como un traballo individual en función das necesidades concretas. Nos obradoiros formativos desenvolveranse habilidades específicas que capaciten a estas persoas para o manexo de situacións cotiás na crianza e educación dos nenos e nenas ao seu cargo, orientándoos e apoiándoos en todos os aspectos que leva consigo a crianza.

Ademais de prestarlle un apoio psicosocial para fortalecer as habilidades de autocoidado necesarias para afrontar esta situación dunha maneira segura e saudable. A escola de avós e avoas propicia tamén a constitución de grupos de axuda mutua integrados por voluntarios, avós e avoas e netos e netas, para que unha vez finalizadas as actividades das sucesivas escolas, as persoas participantes poidan seguir mantendo unha vinculación e axudándose mutuamente.

25 de novembro de 2016 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.