publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Regresa o Rali Comarca da Ulloa que terá lugar esta fin de semana

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves o IX Rali Comarca da Ulloa, organizado pola Escudaría A Ulloa co patrocinio principal da Deputación. O organismo provincial realiza unha achega anual de 24.000 euros para a celebración deste evento que contribúe a dinamizar a comarca, pois milleiros de afeccionados se achegarán a vivir a emoción da que será a última proba puntuable para o Campionato Galego de Ralis de Asfalto, repercutindo moi positivamente na economía dos concellos polos que transcorre: Palas de Rei e Monterroso.

Rivera Capón presentou esta nova edición do rali, que terá lugar os días 26 e 27 de novembro, acompañado pola Deputada de Cultura, Pilar García Porto, o Presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, o Presidente da Escudaría A Ulloa, Luis Vilariño, e os alcaldes de Palas de Rei, Pablo José Taboada Camoira, e Monterroso, Miguel Rico Gómez.

O Deputado de Deportes subliñou que o organismo provincial “mantén un firme compromiso co deporte do motor e proba disto é o noso apoio incondicional ás catro probas que se organizan por excelencia na nosa provincia, como son o Rali San Froilán, a Subida a Chantada, a Subida a Pontenova e, como non podía ser doutro xeito, o Rali Comarca da Ulloa, o evento deportivo máis importante desta comarca e o de maior impacto económico”.

“A proba reunirá a preto de 90 pilotos de toda Galicia e incluso algúns chegados de Asturias e León. Ademais, estreará un formato inédito en décadas nos ralis galegos, xa que o rutómetro conta con tan só dous tramos cronometrados aos que os participantes deberán de dar tres pasadas a cada un deles, completando un percorrido de máis de 100 quilómetros”, engadiu o Deputado.

Programación

O parque pechado da proba estará situado na capital da Comarca da Ulloa, Monterroso. As verificacións levaranse a cabo na na tarde do venres 25 na praza de Palas de Rei, dende as 18.00 e ata as 22.30 horas, mentres que as técnicas serán na Praza de Outeiro, nesta mesma localidade lucense.

Xa na xornada do sábado, o primeiro tramo disputarase ás 9:13 entre Palas de Rei e Monterroso cunha distancia de 16,9 quilómetros, mentres que o segundo deles discorrerá entre Melide e Palas de Rei, cunha distancia de 16,4 quilómetros, onde se celebrarán os reagrupamentos, no Complexo “La Cabaña”, ademais da entrega de premios.

24 de novembro de 2016 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.