publicidade hoxe

Paula Pena gaña o I Concurso de Relato Breve Fundación Valle-inclán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+
Foto de familia cos premiados.

Foto de familia cos premiados.

Paula Pena Alfonso, alumna do IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, é a gañadora do I Concurso de Relato Breve Fundación Valle-Inclán, galardón que lle foi concedido pola obra ‘Aquela carta’. O segundo premio foi para o relato ‘En que pensas, Helena?’, da autoría de Fatima Ezzahra Ibrahimi Barnossi, estudante do IES Luís Seoane de Pontevedra, mentres que a concesión do terceiro premio recaeu, ex aequo, nas obras ‘Un futuro semi-prometedor’, de Rubén Oubiña Mosteiro, e ‘Podo dicir que a miña vida é bonita, de Marta Domínguez Pérez, ambos alumnos do IES Faro das Lúas.

Os catro estudantes recibiron esta mañá os galardóns de mans da Fundación Valle-Inclán, do Concello de Vilanova de Arousa e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que se referiu ás obras presentadas ao concurso como “a mellor homenaxe” para festexar a figura dun dos principais escritores do século XX.

Unha homenaxe multidisciplinar

Promovido pola Fundación Valle-Inclán co apoio da Xunta de Galicia, o certame está dirixido a estudantes de ensino secundario obrigatorio dos concellos valleinclanianos, co fin de fomentar entre o alumnado a creatividade literaria e tamén de difundir a figura do creador do esperpento. De feito, o concurso nace ao abeiro da programación conmemorativa do 150º aniversario do nacemento de Valle-Inclán, con propostas audiovisuais, lecturas públicas, recursos para as casas-museo do escritor en Galicia, exposicións, diversas publicacións conmemorativas e mais novas ferramentas en liña para favorecer o estudo do legado literario do dramaturgo.

Entre as propostas escénicas inclúese a iniciativa ‘A maleta do mestre’, un proxecto promovido tamén pola Fundación Valle-Inclán, a través da Escola de Teatro Valle-Innova e coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. As catro montaxes teatrais que conforman esta actividade estanse a representar en diversos escenarios de Galicia desde o pasado mes de xullo e ata outubro de 2017.

En novembro de 2015, o Parlamento de Galicia acordaba por unanimidade instar a Xunta de Galicia “a impulsar e acompañar as principais iniciativas culturais que se realicen para a conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán no ano 2016, por medio dunha programación cultural conxunta, acorde coa relevancia desta efeméride, que poña de relevo a súa excepcional figura, obra e legado, e que trate de involucrar as principais institucións culturais galegas e entidades relacionadas con este autor, así como o conxunto da nosa sociedade”.

30 de novembro de 2016 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.