publicidade hoxe

O PMA da Deputación destina un millón de euros para mellorar a calidade ambiental dos concellos da comarca da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaAbegondoArteixoCoirósSobrado
A-
A+

O Plan de Medio Ambiente da Deputación destina 1.048.558 euros para financiar 26 investimentos e 10 actividades nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas.

Estas accións atópanse entre as primeiras que se realizarán na provincia, tras ser aprobadas no pleno de la Deputación por unanimidade de todos os grupos políticos. O novo Plan de Medio Ambiente (PMA) é un dos máis ambiciosos realizados ata o momento pola institución provincial en materia de Medio Ambiente, cuns criterios que benefician aos municipios máis pequenos e rurais da provincia, que son os que teñen menos densidade de poboación e maior número de espazos verdes no seu territorio. En total, a Deputación destina case 5 millóns de euros para 159 proxectos en toda a provincia.

Ademais da protección e a sensibilización sobre o medio ambiente, o PMA contempla o obxectivo de xerar emprego, un dos eixos estratéxicos de todos os plans e programas do goberno provincial presidido por Valentín González Formoso, a través da creación de brigadas medioambientais.

24 postos de traballo nas brigadas medioambientais

Na comarca da Coruña, o PMA financia a creación de 5 brigadas con 76.900,57 euros. En total, contrataranse 24 persoas en Bergondo, Irixoa, Paderne, Sobrado e Vilarmaior, que realizarán traballos de limpeza, vixilancia, coidado, protección, mantemento e recuperación do medio natural en espazos municipais como zonas axardinadas, áreas de lecer, sendeiros fluviais e contornas naturais.

En concreto, algunhas das accións que executarán as brigadas serán a repoboación de espazos forestais, mantemento de xardíns, coidado de árbores, acondicionamento de terreos e roza de plantas e herbas nas diversas áreas de titularidade municipal, entre outras tarefas complementarias segundo as necesidades concretas de cada concello.

En Sobrado, 13 peóns desenvolverán as súas funcións nas áreas recreativas de Pontepedra e Gixalba, no Campo Francés, nos xardíns e parques públicos da parroquia de Porta, na contorna do camiño da muralla do Mosteiro de Santa María, nos arredores da Lagoa de Sobrado e na ruta da Carballeira. A brigada sobradesa está financiada con 30.000 euros do PMA e estará activa durante tres meses.

No caso de Paderne, serán tres os peóns contratados grazas a 12.000 euros dos fondos provinciais de medio ambiente. Realizarán traballos nas parcelas de titularidade municipal situadas na contorna do Río Mandeo, en rutas de sendeirismo e en áreas de recreo e ocio.

Tamén en Vilarmaior e Irixoa as brigadas estarán constituídas por tres peóns, financiadas con 15.806 e 8.525,74 euros respectivamente. Doutra banda, o Concello de Bergondo contratará un técnico de medioambiente e un tractorista, grazas á axuda 10.568,82 euros do PMA.

Espazos verdes en Arteixo, Abegondo, Sobrado, A Coruña e Coirós

O PMA financia o acondicionamento de zonas verdes municipais, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental e aproveitar os recursos naturais para ofrecer espazos de ocio e espallamento ao aire libre.

Nesta liña, o concello de Arteixo recibe 49.433 euros para mellorar e reparar as zonas verdes do centro cívico, o paseo fluvial e a contorna da Casa do Concello. A zona do río sufrirá a maior remodelación, coa creación dunha zona de merendeiro con dúas mesas grandes de madeira, e a instalación dunhas bancadas preto do río, creando unha nova zona de recreo para os arteixáns.

Así mesmo, en Abegondo acometeranse melloras nos espazos verdes do núcleo de San Marcos, con cargo a 45.970 euros dos fondos provinciais. Os traballos terán lugar nunha zona arborada próxima ao colexio, o centro de saúde e o polideportivo, e consistirán na limpeza e reparación dos xogos infantís e do mobiliario de pedra existente mediante auga a presión e aplicación de tratamentos contra fungos e musgo. A achega da Deputación tamén permitirá a instalación de novos equipamentos, coma paneis informativos, un valado de madeira, unha tirolina, un columpio e unha rede para o desfrute dos máis pequenos.

O público infantil tamén será o destinatario principal das obras que financia o PMA no entorno do CEIP Virxe do Portal, no termo municipal de Sobrado. O concello recibe un total de 35.548 € para acondicionar as zonas verdes da contorna do centro educativo, onde se atopan instalacións públicas coma o centro de saúde, a piscina, o polideportivo, un parque infantil, o edificio de usos múltiples ou o miradoiro do Mosteiro. Entre as obras deste proxecto destacan a instalación de cañizo natural no parque infantil, a reposición da cuberta e unha soleira de caucho no patio da escola.

Asemade, o concello de Sobrado acondicionará as zonas verdes do lugar de A Igrexa, na parroquia de Carelle, e o lugar de A Medorra, na parroquia de Folgoso, cunha achega de preto de 25.000 € do PMA. Os traballos incluirán a roza e a limpeza das parcelas e a instalación de balaustradas, mesas e bancos para favorecer o uso destes espazos verdes por parte dos veciños.

Tamén en Coirós executaranse accións similares na parroquia de Espenuca e no centro socio-cultural municipal, cunha achega de preto de 42.500 € do Plan de Medio Ambiente.

Co obxectivo de aumentar a sostibilidade ecolóxica das zonas máis urbanas, o PMA financia con 25.914 euros a plantación de árbores en parques e bordes de viais degradados na cidade da Coruña. As plantacións faranse en zonas verdes coma o parque de Lázaro Cárdenas ou diversas áreas de Matogrande e o Barrio das Flores, así coma nas marxes de viais na Terceira Ronda e as avenidas Severo Ochoa e Salgado Torres.

Mellora de redes de abastecemento e da eficiencia enerxética

Un dos maiores proxectos que financia o PMA na comarca é a creación dunha rede de abastecemento á zona noroeste da parroquia de Santa María de Rodeiro, en Oza-Cesuras, por un importe de 70.892 euros. As obras incluídas neste proxecto inclúen a conexión á rede municipal, a execución dunha estación de bombeo, a construción dun depósito regulador e a condución de abastecemento ás localidades de Rodeiro e Vilachá.

Nesta mesma liña, o PMA financia actuacións nas redes de saneamento de San Xoan e Callobre, no termo municipal de Betanzos; o polideportivo municipal de Irixoa; a parroquia de Vinseira Grande e o polideportivo deportivo de Castelo (Culleredo), e en Cernadas de Abaixo (Vilarmaior).

A eficiencia enerxética é outro dos puntos chave dos proxectos financiados polo Plan de Medio Ambiente da Deputación, co obxectivo de optimizar o uso da enerxía nos concellos. Así, en Aranga mellorarase o alumeado público das parroquias de Vilarraso e Aranga, cunha achega de 34.000 euros, e elaborarase unha auditoría do alumeado exterior de todas as instalacións do concello, con 39.655 euros.

Entre outros proxectos de aforro e eficiencia enerxética, en Irixoa implementaranse medidas de eficiencia enerxética no local social de Verís e no alumeado público en Mántaras e Verís, en Oleiros instalarase un sistema led no paseo de Espigón e as avenidas da Mariña e Ernesto Che Guevara, e en Sobrado renovarase a iluminación do polideportivo municipal.

23 de novembro de 2016 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.