publicidade hoxe

O deputado provincial de Mobilidade anuncia a construción dunha glorieta para mellorar a seguranza viaria no cruce da Costeira no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO PorriñoPontevedra
A-
A+

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación provincial realizará obras de mellora na estrada provincial EP-2405 entre Cerquido e Budiño (O Porriño) para eliminar un punto negro que coincide coa intersección con dúas estradas municipais no lugar de A Costeira. Segundo Benítez, prevese que a actuación, que ten un orzamento de licitación de 151.655,92 euros e estará finalizada na primavera, mellore a visibilidade no cruce para todos os vehículos e garanta o tránsito peonil aos veciños e veciñas.

Segundo manifestou Benítez, a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo prioritario aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas provincial reducindo os calmados de tráfico e solucionando os puntos negros nos que se producen maior número de sinistros. “De todas as interseccións que tiña analizado a Deputación en función das reunións cos alcaldes, esta petición era sen dúbida a máis necesaria polas súas características, tipoloxía, pola súa intensidade de tráfico e polo uso industrial e comercial que ten, xa que hai un restaurante de moita actividade xusto ao lado do cruce. Conflúen tamén dous camiños municipais e unha vía intermunicipal da Deputación que vai a Salceda de Caselas… Por iso en base a esas características consideramos que esta actuación era prioritaria”, subliñou.

Benítez anunciou hoxe as obras á rexedora de O Porriño, quen solicitara o proxecto nun encontro xusto antes do verán, e visitou o lugar das obras cun dos concelleiros da Corporación municipal. Dende o mes de maio mantivéronse varias reunións técnicas de traballo conxunto entre a Deputación e o Concello a través do concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, nas que se certificou a conveniencia de mellorar a intersección optando pola construción dunha glorieta. O acordo entre ambas administracións, Concello e Deputación, de feito, é total en canto á proposta de solución.

Os técnicos da Deputación realizaron un novo levantamento topográfico da zona e contratouse unha asistencia técnica para a redacción do proxecto, que xa está finalizado. Este incorpora a ampliación do radio de curvatura da estrada principal, preto da conexión da EP-2405 da Deputación co parque empresarial das Gándaras, á altura do Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia.

Para resolver a intersección dos camiños municipais, segundo explicou Benítez, prevese a ocupación de dúas parcelas privadas e unha municipal. Entre outros bens aféctase a dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación inclúese no orzamento do proxecto. No último pleno da Deputación aprobouse o inicio do expediente de expropiación dos terreos.

En canto á pavimentación, farase un saneo do firme chegando a fresar unha capa de 55 centímetros de profundidade e extensión dunha nova capa de rodaxe na calzada actual para corrixir os peraltes. Ademais, para a elección do novo firme tívose en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona (categoría 3), cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día por ser unha zona preto de áreas industriais.

Por outra banda, urbanizarase a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e incorporarase a limitación específica de velocidade, que baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se solucionarán as drenaxes mediante a remodelación de cunetas e absorbedoiros. Disporanse oito luminarias tipo led sobre columnas de nove metros, catro na glorieta e outras catro a trinta metros da intersección.

30 de novembro de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.