publicidade hoxe

O conselleiro de Política Social e o alcalde de Vilalba ultiman a posta en marcha da escola infantil municipal e do centro para maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+
Rey Varela na reunión co alcalde de Vilalba

Rey Varela na reunión co alcalde de Vilalba

A Consellería de Política Social, na figura do seu titular, José Manuel Rey Varela, continúa coa súa rolda de encontros cos representantes das institucións públicas de Galicia para coordinar a atención social dos cidadáns galegos nos próximos anos. Estes encontros baséanse no espírito da Consellería de Política Social que un ano máis seguirá sendo a colaboración e o consenso entre as distintas administracións e entidades de Galicia.

Desta volta, o responsable da carteira social do Goberno galego mantivo un encontro de traballo co alcalde de Vilalba (Lugo), Agustín Baamonde Díaz no que estableceron as liñas de actuación social que beneficien a todos os veciños a través da optimización dos recursos locais e autonómicos. A Xunta de Galicia e as entidades locais basean estas negociacións no consenso e na coordinación para garantir unha política social axeitada que se adapte as necesidades de cada municipio.

A atención aos máis pequenos foi un dos puntos tratados na xuntanza entre conselleiro e alcalde, na que ambos mandatarios sentaron as bases dunha colaboración que posibilite a próxima apertura da escola infantil municipal na que a Xunta de Galicia investirá 15.000 euros en concepto de equipamento. O conselleiro fixo entrega ao alcalde do informe técnico de adecuación para a creación da escola municipal e valorou a implicación das administracións á hora de solucionar a lista de agarda. Agora, o Concello deberá de contar coas licenzas correspondentes para a definitiva posta en marcha da escola infantil municipal. Por outra banda, a escola infantil xestionada conxuntamente polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e polo Concello de Vilalba foi posta en marcha no curso 2013-2014 e dá servizo aos nenos e nenas de Vilalba coas 74 prazas e unha cobertura do 27,21% en prazas públicas. O obxectivo é incrementar esta media para cumprir a ratio establecida pola Unión Europea.

No que atinxe a atención aos máis maiores, o conselleiro indicou que o orzamento destinado a maiores é “tres veces máis que o destinado a este mesmo ámbito en 2009”. Rey Varela garantiu que “ao igual que no caso da escola infantil, estamos cerca de acadar unha solución para a apertura do centro de maiores”. Ademais, a Consellería realizou obras de mellora no Centro Sociocomunitario de Vilalba por importe de 33.687,47 euros.

Na xuntanza que tivo lugar no Casa do Concello de Vilalba, ambos mandatarios valoraron o Servizo de Axuda no Fogar prestado no municipio que se viu incrementado en 17.376 horas anuais ata acadar un total de 111.408 horas anuais.

29 de novembro de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.