publicidade hoxe

O alcalde de Caldas celebra a anulación da apertura de xuízo contra el

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal Portada
A-
A+
Europa Press

“Un pequeno éxito parcial”. Así é como describe o alcalde de Caldas de Reis, o socialista Juan Manuel Rey, a decisión da Audiencia Provincial de Pontevedra de declarar nulo o auto de apertura de xuízo oral contra el, aínda que se mostrou cauto e sinalou que aínda non chegou “o día de abrir o champaña”, pois o proceso non rematou.

Con esta decisión do tribunal provincial, que, segundo o relato do propio rexedor, aprecia “incongruencias internas” e non ve “indicios racionais para a apertura de xuízo”, a causa volverá ao xulgado de instrución de Caldas.

Se nese xulgado se decide modificar o auto, como advertiu Juan Manuel Rey, sería “a cuarta reapertura”, debido a distintos defectos que se foron emendando. “O primeiro auto cambiouse porque nin sequera se refería a min, o segundo incorría en indefensión e agora este ten incongruencias internas”, subliñou.

A partir de aí, en función de cual sexa a decisión do xulgado de Caldas, seguirá defendéndose. “Creo estar a demostrar que non son de renderme”, manifestou, antes de sentenciar: “Ogallá dítese o arquivo, pero, se non, seguiremos na loita”.

Polo momento, do que dixo sentirse “especialmente satisfeito” é de manterse como alcalde e nas filas socialistas, á vista da doutrina interna que o obrigaría a deixar o cargo ou a militancia en caso de ter que sentar no banco dos acusados. Sobre todo, segundo as súas propias palabras, porque é “inocente”.

ALEGRÍA NO PSdeG

Ao fío diso, o primeiro edil caldense agradeceu o apoio do seu equipo de goberno e da súa familia e tamén o “trato” que recibiu dos seus veciños, de “respecto”.

Así mesmo, indicou que xa trasladou a decisión da Audiencia tanto á presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, coma ao secretario da súa provincia, Santos Héctor. “Estaban máis contentos ca min”, revelou, partidario de “rebaixar a euforia” polo momento.

O “LÓXICO” É ARQUIVALO

Tamén deu conta da satisfacción do seu avogado, que “cree lóxico o arquivo” dun asunto que está “cargado de sinrazones”. “É un camiño cara a ningunha parte”, sostivo Rey cando está a punto de cumprir unha década á fronte da casa do concello de Caldas.

O caso remóntase ao ano 2002, cando unha sentenza -confirmada anos máis tarde polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia- obrigou a demolición dun inmoble a raíz da denuncia dun veciño.

Juan Manuel Rey herdou a citada orde en 2006, tras substituír no cargo de rexedor ao tamén socialista José María Tobío, e incumpriu ese mandato xudicial. Por ese motivo, o xulgado do contencioso-administrativo impúxolle en 2010 unha multa coercitiva de 600 euros.

Neste caso dilucídase se o rexedor ordenou ao seu tenente de alcalde asinar o pagamento da multa con cargos aos fondos públicos -que posteriormente restituíu- mentres el se atopaba de vacacións.

Durante a investigación sobre un suposto delito de malversación de fondos públicos, Juan Manuel Rey sempre asegurou que el non foi responsable do pagamento desa multa, que nin sequera estaba en España cando se efectuou e que non deu orde ningunha nese sentido.

22 de novembro de 2016 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.