publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

González Formoso destaca a labor social de Pai Menni en Betanzos e compromete manter o apoio da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzos
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe en Betanzos as instalacións do centro Pai Menni de atención integral a persoas con discapacidade intelectual, onde destacou “a gran labor social” que desenvolve a entidade e a longa traxectoria de colaboración que mantén coa institución provincial. “Unha estreita colaboración que contribuíu a mellorar as instalacións, o equipamento e os servizos deste centro e queremos manter no futuro, porque somos conscientes do importante traballo que aquí se realiza”, apuntou o presidente, que hoxe fixo entrega dun novo vehículo de transporte adaptado para os usuarios do centro.

Na súa visita, González Formoso estivo acompañado do alcalde de Betanzos, Ramón García e do concelleiro de Economía, Facenda e Servizos, Diego Fernández. Durante o percorrido, as responsables do centro, María José Baamonde, Inma Segarra e Sor Cipri Cía, explicaron polo miúdo a historia do centro, fundado a principios do século XX polos irmáns García Naveira, e os diferentes servizos, terapias e actividades que alí se oferecen e das que se benefician 154 homes e mulleres con discapacidade intelectual dos municipios das comarcas betanceira e coruñesa.

O presidente da Deputación e o rexedor betanceiro percorreron a residencia, o centro ocupacional e o centro de día, onde se desenvolven múltiples actividades de psicomotricidade, estimulación cognitiva e habilidades da vida diaria, así como un obradoiro de costura e bordado, onde ambos mandatarios puideron comprobar a calidade das pezas artesanais que alí se elaboran.

Manteis para o Pazo de Mariñán

González Formoso interesouse en particular polo proceso de confección dos manteis e pola posibilidade de encargar ou adquirir algunhas das pezas elaboradas no centro para as mesas do Pazo de Mariñán, para o que invitou ás asistentes ao obradoiro a coñecer o pazo bergondés por dentro nunha visita guiada que organizará a Deputación.

Tamén compartiu coas usuarias do centro terapias de danza e videoxogos, que axudan a mellorar a psicomotricidade, coñeceu a sala de estimulación sensorial e visitou a lavandería industrial, que da servizo a particulares e a varias empresas locais e que da traballo a máis dunha ducia de internas.
Ao remate da visita, o presidente provincial e o alcalde de Betanzos participaron nun pequeno acto de entrega dun vehículo adaptado doado pola Deputación, que facilitará os traslados cotiáns dos usuarios do centro.

Esta doazón enmárcase na longa traxectoria de colaboración entre a Deputación da Coruña e Pai Menni, onde a institución provincial financiou nos últimos anos diversos proxectos de adecuación de espazos, adquisición de material para terapias e tratamentos, fomento do uso de novas tecnoloxías, melloras de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

24 de novembro de 2016 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.