publicidade hoxe

En Marea recolle as demandas dos traballadores de Ferroatlántica que trasladará a Feijóo no pleno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCeeLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, visitou este martes os traballadores de Ferroatlántica que permanecen encerrados no Concello de Cee para recoller as súas demandas, que trasladará ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión plenaria deste mércores.

“Estamos aquí cunha misión moi clara, queremos ser os que traslademos a voz dos traballadores de Ferroatlántica directamente a un presidente da Xunta que se nega a recibilos, negando o propio problema”, asegurou Villares, que acordou cos empregados a pregunta concreta que o trasladará ao xefe do Executivo galego.

Na visita, na que estivo acompañado polos deputados Luca Chao, Juan Merlo e Francisco Casal, Villares recordou que a segregación e venda da factoría de Cee ten que contar “necesariamente” coa aprobación da Xunta.

“Polo tanto Feijóo é o máximo responsable de que iso se poida levar a cabo e parécenos absolutamente inaceptable que os traballadores estean a día de hoxe sen ser recibidos, ao igual que os alcaldes da bisbarra, polo presidente”, censurou o voceiro parlamentario de En Marea.

Por todo iso, Villares avanzou que lle pedirán a Fejióo que “reciba de forma inmediata” os traballadores e os rexedores como “representantes lexítimos de todas as aspiracións de dignidade dunha bisbarra” así como que “se posicione claramente en contra da venda”.

22 de novembro de 2016 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.