publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

“Dálle luz á túa factura” informará sobre como aforrar no recibo eléctrico na Fonsagrada e Castro de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaCastro de ReiLugo
A-
A+

A campaña da Xunta “Dálle luz á túa factura” chegará mañá martes, 22 de novembro, aos concellos lucenses da Fonsagrada e Castro de Rei, onde se celebrarán xornadas informativas para achegar aos consumidores as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar; revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria.

A charla programada na Fonsagrada será ás 16 horas no salón de plenos do Concello, mentres que a correspondente ao concello de Castro de Rei será ás 19 horas na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea (avenida Terra Chá, s/n). Nestes encontros farase ademais fincapé no aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.

As xornadas informativas da iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, chegará en total nas próximas semanas a máis de 70 concellos galegos, 16 na provincia de Lugo.

Ademais, os consumidores poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. Estas ferramentas complementan así o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).

21 de novembro de 2016 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.