publicidade hoxe

Comeza en Mos o Obradoiro de Emprego Conciliamos para ofrecer formación e traballo a 20 persoas desempregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, deu comezo estes días no Concello de Mos o Obradoiro de Emprego ConciliaMos, no que se ofrece formación e traballo a 20 persoas desempregadas do municipio durante 6 meses.

Este programa mixto de formación e emprego se centra na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realicen. Ademais, esta formación impulsa tamén o emprendemento xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

Neste caso concreto de Mos, a Xunta inviste preto de 180.000 euros para poñer en marcha esta iniciativa que comezou hai dous días e durará ata finais do mes de maio do vindeiro ano. Con este obradoiro se formarán a 20 alumnos e alumnas nas especialidades de carpintería (8 persoas) e dinamización educativa no tempo libre (12). Ademais de recibir esta formación tamén percibirán o salario mínimo interprofesional.

O fin do obradoiro é así a formación teórica e práctica nestas especialidades e, concretamente, os alumnos e alumnas elaborarán elementos en madeira para diversas instalacións municipais e medioambientais do concello ademais de levar a cabo a atención e dinamización educativa de menores de 3 anos nas escolas infantís Galiña Azul, o desenvolvemento do programa de conciliación en infantil e primaria e tamén do programa de atención a necesidades educativas de nenos e nenas e mozas no tempo libre.

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Emprego, Óscar Soto, deron esta mañá a benvida aos 20 participantes ademais de saudar ao persoal a cargo do curso, que estará formado por un director, un titor, dous docentes e unha persoa administrativa de apoio.

O representante da Xunta en Vigo e a súa área destacou a aposta do Goberno galego polo emprego e por este tipo de iniciativas mixtas que contan cunha dobre finalidade porque aportan formación toda vez que garanten un traballo remunerado para as persoas en situación de desemprego. López-Chaves animou aos alumnos e alumnas a aproveitar esta oportunidade e gabou o traballo que se está a facer dende o Concello de Mos neste ámbito lembrando os 7 obradoiros de emprego que xa teñen organizado nos últimos anos e que permitiron, por exemplo, a recuperación da aldea Alfacuca ou a rehabilitación da casa reitoral de Petelos.

Obradoiros de Emprego na área de Vigo

A Xunta concedeu neste ano 2016 un total de 12 Obradoiros de Emprego aos concellos da área territorial. Diferéncianse en ordinarios e de garantía xuvenil, estes últimos para menores de 30 anos. Foron 8 obradoiros ordinarios e 4 de garantía xuvenil os concedidos a 10 concellos da área de Vigo cun investimento total de 1,9 millóns de euros, o que supón un incremento superior ao 60% con respecto aos datos do ano 2015.

Ademais do Concello de Mos, os municipios beneficiados onde se imparten os obradoiros son: Vigo, Redondela, Cangas, O Porriño, Moaña –Padroado Municipal de Beiramar-, Soutomaior e os tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar). Os xuvenís teñen lugar en Redondela, Vigo, Mos e Val Miñor. En total se verán beneficiadas 220 persoas en situación de desemprego das que 160 realizarán as súas tarefas nos OOEE ordinarios e 60 nos de garantía xuvenil co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral.

30 de novembro de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.