publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Aniceto Rodríguez acóllese ao seu dereito a non declarar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada esquerdaVerín
A-
A+
Europa Press

O home acusado de matar a súa muller no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Aniceto Rodríguez, acolleuse ao seu dereito a non declarar “para non o facer mal”, segundo sinalou a acusación particular á saída do Xulgado de Instrución Número 1 de Verín (Ourense).

Rodríguez fora citado este martes para ser informado dos cargos dos que se lle acusa e que se corresponden cun delito de asasinato en grao de tentativa e outro consumado, polos que podería enfrontarse a máis de 20 anos de prisión.

O presunto autor saíu do xulgado 40 minutos despois de entrar sen responder a ningunha pregunta, segundo confirmaron os letrados asistentes. Unha vez nos xulgados, a pesar de que tras a información de cargos había a posibilidade dunha declaración indagatoria, Aniceto Rodríguez acolleuse ao seu dereito a non declarar.

Coa información dos cargos finaliza a fase de instrución, que queda pendente dos escritos da acusación e a defensa, e de que se sinale data para a celebración do xuízo o próximo ano.

“CAPACIDADE DE COMPRENDER”

A avogada da familia, Beatriz Seijo, resaltou que o acusado sinalou a súa intención de non declarar “para non o facer mal”, polo que considera que Aniceto Rodríguez “ten capacidade para comprender o que está a facer, perfectamente”.

Deste modo referiuse ao estado psíquico de Aniceto, que sufriu un ictus que lle deixou secuelas físicas e psíquicas despois de ferirse cunha arma tras supostamente asasinar Isabel Fuentes no CHUO.

O silencio na xornada deste martes contrastou coa actitude do acusado en anteriores declaracións, nas que nas que a avogada da acusación recordou que foi “colaboradora” e “recoñeceu os distintos episodios” con certa dificultade”.

Así, e a pesar de sinalar que sofre os efectos dun ictus que lle impiden falar con soltura, a avogada insistiu en que Aniceto Rodríguez “comprende” o que se lle di e “algunhas das cousas selectivamente decidiu non contestalas”, aínda que “recoñeceu as cuestións esenciais”.

DILIXENCIAS CONTRA A XUÍZA

A letrada confirmou que a familia de Isabel Fuentes iniciou dilixencias informativas preliminares contra a xuíza encargada inicialmente do caso que rexeitou a recomendación da Garda Civil de separar a Isabel Fuentes do seu marido por sospeitar que era o responsable da primeira agresión, sufrida na súa casa o 2 de abril de 2015.

Seijó informou de que o Consello Xeral do Poder Xudicial emitiu unha primeira resolución na que descartou calquera tipo de responsabilidade disciplinaria contra a maxistrada.

Esta decisión foi recorrida pola familia nun recurso de alzada que actualmente está no Supremo “porque a familia quere chegar ata o final e considera que había responsabilidade”.

Á saída do Xulgado os familiares de Isabel Fuentes esperaban a Aniceto con berros como “asasino”, “sinvergüenza e “desgraciado”.

Aniceto Rodríguez chegaba ás 9,50 ao Xulgado de Instrución número 1 de Verín nunha ambulancia da que baixou axudado polos técnicos sanitarios. Á súa chegada, familiares e veciños da localidade de Pazos onde residía o matrimonio recibírono entre berros e insultos.

Entre as persoas que esperaban a chegada do presunto asasino atopaban dous primos irmáns da vítima, Isabel Fuentes, chegados expresamente dende Madrid. Os dous confirmaron aos medios de comunicación “vir a por todo” e pediron que se aplique Xustiza “con toda a contundencia”.

Ramón Blanco, primo da vítima, chegado dende Madrid criticou a actuación da primeira xuíza, encargada de investigar a agresión sufrida pola súa prima en abril de 2015 e que rexeitou afastar ao seu esposo a pesar das sospeitas da Garda Civil.

Neste sentido, Blanco sinalou que “a primeira xuíza cometeu unha grande cantidade de neglixencias” e confirmou que a familia recorreu a súa actuación e “denunciouna”.

O CASO

É a cuarta vez que Aniceto Rodríguez comparece no Xulgado de Verín en relación cos feitos acontecidos o 8 de maio de 2015 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, CHUO, cando presuntamente asasinou a súa esposa Isabel Fuentes, cravándolle un coitelo.

A muller atopábase ingresada e estaba a recuperarse dun forte traumatismo craneoencefálico que, segundo relatara o seu marido, lle provocaran uns ladróns que intentaran entrar na súa casa a madrugada do 2 de abril.

Dende un primeiro momento a Garda Civil descartara a tese dunha agresión por roubo, xa que non atoparan a porta forzada e as investigacións apuntaban a unha posible agresión por parte do marido.

Non obstante, a xuíza encargada do caso non ditou orde de afastamento do marido, que nunha visita á súa esposa a apuñalou e posteriormente se autolesionou coa mesma arma, provocándose feridas que lle produciron un ictus.

29 de novembro de 2016 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.