publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Alcoa logra na poxa eléctrica tres bloques de 90 MW en San Cibrao e un na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCervoLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

Alcoa logrou tres bloques de 90 megavatios para a planta de San Cibrao (Cervo, Lugo), un na factoría da Coruña e outro en Avilés (Asturias), segundo os datos que transcenderon da poxa eléctrica, que agora prosegue cos bloques de 5 megavatios.

O propio conselleiro de Emprego, Industria e Turismo asturiano, Francisco Blanco, a través dun comunicado de prensa, sinalou este martes que a multinacional do aluminio conseguiu eses cinco bloques de 90 megavatios.

Pola súa parte, o titular de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, apuntou que “parece” que Alcoa “conseguiu as súas expectativas” na poxa.

“Esperamos que a Comisión do Mercado e a Competencia valide eses resultados e que no ano 2017 Alcoa teña ese prezo enerxético que lle permita afrontar o futuro non só para dar unha resposta en 2017 senón para asentar esas bases de inversión e competitividade”, resaltou.

A POXA SEGUE

Mentres, a compañía, segundo fontes consultadas, destacou que “segue na poxa” dos bloques de menor tamaño “para conseguir o maior valor posible dos servizos de interrumpibilidade”.

Na Coruña, o presidente do comité de empresa, Juan Carlos Corbacho, avogou pola prudencia e a cautela, ao recordar que este ano a fábrica contaba con 120 megavatios nesta cidade, e xa estaba a un 70% da súa produción.

Polo tanto, segundo constatou, agora faltaría “completar a produción”. Con todo, Corbacho evitou dar por pechadas as cifras, xa que non hai comunicación oficial destas nin por parte de Rede Eléctrica nin por parte da compañía.

“INESTABILIDADE”

O presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, Xosé Paleo, mostrouse optimista, aínda que advertiu de que continúa preocupado polo futuro a medio prazo, debido á “inestabilidade” ligada a un sistema que xera unha “constante incerteza” pola súa duración anual.

Por iso, solicitaron unha reunión coa dirección do centro para que, unha vez finalizada a poxa, valore o resultado e clarifique “dunha vez por todas” cál vai ser o futuro das dúas plantas de San Cibrao e a posible venda.

Así mesmo, Paleo reclamou á Xunta implicación para puxar pola consecución dunha tarifa similar á doutros países de Europa.

Neste sentido, subliñou que Galicia é un territorio excedentario na produción de electricidade, “o que debería redundar na creación de beneficios para as empresas localizadas no país”.

15 de novembro de 2016 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.