publicidade hoxe

A Xunta sinala en Mos a inserción laboral como clave para a recuperación das mulleres vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Europa Press

As vítimas de violencia de xénero precisan dotarse das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica, no caso de que esta non exista. Así, a Xunta de Galicia puxo en marcha axudas para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para a súa recuperación integral.

Durante a presentación do Programa de Inserción Laboral dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero da Asociación de Empresarios de Mos, o vicepresidente da Xunta destacou a relevancia social desta iniciativa, que é posible grazas á convocatoria dunha orde de axudas autonómicas pioneira.

Na presentación, que tivo lugar na sede da asociación, participaron tamén a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España en facer unha convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero.

Para estas axudas destinarase preto de 1 millón de euros entre 2016 e 2017 para apoiar ás mulleres vítimas da violencia de xénero na súa integración laboral. Esta convocatoria pioneira da Secretaría Xeral da Igualdade, foi publicada en maio e a finais de agosto coñeceuse a resolución, que outorgou as axudas a un total de 16 entidades de iniciativa social en Galicia, que teñen previsto atender 544 mulleres.

O programa da Asociación de Empresarios de Mos recibirá un total de 77.000 euros entre este ano e o vindeiro para promover a inserción laboral e atender a 42 mulleres.

29 de novembro de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.