publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A presidenta da Deputación de Pontevedra asina a cesión de catro novos espazos no viveiro de empresas de Barro-Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroMeisPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá no Pazo provincial a cesión de catro espazos no viveiro de empresas de Barro-Meis, propiedade da institución provincial, nas que tres emprendedores e emprendedoras desenvolverán os seus novos proxectos empresariais en tres oficinas e unha nave. Deste xeito o viveiro, que foi construído no marco dun convenio de colaboración coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación INCYDE), acollerá a empresa de construción de vivendas modulares de madeira “Casas Modulares de Madera S.L.”, a empresa de fabricación de mollos e conservas vexetais e á elaboración de marmeladas artesanais “La Mariquita de Azúcar C.B.” e, por último, a empresa dedicada ao asesoramento a persoas con actividade no rural e ás mulleres emprendedoras e profesionais do rural “AF Negocios S.L.” (esta última ocupará dúas oficinas, unha para cada unha das dúas áreas de traballo sinaladas). A cesión do espazo foi asinada por un período dun ano, con posibilidade de prórroga ata un máximo de tres.

A Presidenta sinalou a “importancia de apoiar ás emprendedoras e emprendedores, xa que grazas a elas e eles, a través da súa valentía e das súas iniciativas, se xera riqueza e se crean postos de traballo”. Ademais, asegurou Carmela Silva que “un dos obxectivos da Deputación é o de converter Pontevedra nunha provincia de referencia en materia de innovación e competitividade, que son dous aspectos intimamente relacionados co emprendemento”.

O pasado mes de outubro a Deputación de Pontevedra decidiu baixar o prezo destes espazos ata máis da metade co obxectivo de “facer un esforzo para que as naves e oficinas dos viveiros sexan máis atractivas para a instalación de novas empresas, autónomos, pemes e persoas emprendedoras”, sinalou a Presidenta provincial no momento do anuncio, que engadiu que “estes novos prezos públicos son o resultado de estudos e análises serios sumados ó esforzo que estamos a facer para impulsar o emprendemento como motor do desenvolvemento económico e social da provincia de Pontevedra”. Deste xeito, o prezo por m2 para o primeiro ano no viveiro de empresas de Barro-Meis sitúase entre os 1,78 e os 2,28 € fronte aos entre 2,67 e 3,12 € das cotas anteriores.

En materia de emprendemento, a institución provincial tamén está a desenvolver outras accións como o programa “Depoemprende”, cunha dotación de 260.000 €, para o impulso do emprendemento xuvenil na provincia. Esta actuación, enmarcada no programa de itinerarios de emprendemento xuvenil da Fundación INCYDE e financiada polo Fondo Social Europeo, está destinada a 120 mozas e mozos da provincia de Pontevedra, menores de 30 anos, rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, sen ocupación e sen estar integrados nos sistemas de educación ou formación. Ademais, o programa de asesoramento TIC “SmartPeme”, que ofrece ás pemes e persoas autónomas e emprendedoras da provincia de Pontevedra diversas ferramentas coa finalidade de mellorar o seu rendemento e produtividade mediante a implantación das tecnoloxías da información e da comunicación.

30 de novembro de 2016 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.