publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Fiscalía pide 10 anos de inhabilitación por prevaricación continuada para o exalcalde do Porriño e un exedil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

A Fiscalía solicita unha pena de 10 anos de inhabilitación para o exalcalde do Porriño, Nelson Santos (PP) e para un exedil popular, José Manuel Jacobo, quen foi responsable de contratación neste municipio, como presuntos autores dun delito de prevaricación continuada, ao adxudicar irregularmente varios contratos a empresas cuxos responsables tiñan algunha relación familiar ou de afinidade con estes cargos públicos.

Segundo o escrito de acusación, a Fiscalía responsabiliza os dous políticos de adxudicar contratos de forma directa, sen licitación e sen seguir os procedementos administrativos pertinentes, a varias empresas para a realización de servizos como limpeza, recollida de residuos, actividades deportivas e de ocio, servizos eléctricos ou labores de saneamento.

Nese escrito, figuran centenares de facturas aboadas a estas empresas, por un valor que, en total, supera os 1,6 millóns de euros, e que foron tramitadas a pesar de que, en practicamente todos os casos, existían reparos da Intervención Municipal. Neses procedementos, o alcalde levantaba automaticamente o reparo para que se aboasen as facturas.

Nalgunhas ocasións, as facturas non podía ser satisfeitas no ano correspondente, co que o goberno municipal aprobaba modificacións de crédito no exercicio seguinte, alegando que non podían deixar de pagar eses gastos “urxentes” para evitar un enriquecemento ilícito da administración, e obviando, segundo expón o Fiscal, que a Intervención Municipal “levaba anos” advertindo “cada mes” das irregularidades.

O Ministerio Público deixa constancia de que os beneficiarios desas adxudicacións foron Ana María G.F., exesposa dun amigo de José Manuel Jacobo; a empresa Limantra, xestionada por un compañeiro de Nelson Santos, no partido Ciudadanos por Porriño; a empresa Lincoporriño; e a empresa Abelmar.

CAUSAS PENDENTES

Esta causa deriva da chamada Operación Multiúsos (é unha peza separada), que foi declarada complexa e segue en fase de instrución, e na que están sendo investigados, ademais do exalcalde, o propio José Manuel Jacobo, o concelleiro Manuel Alejandro Lorenzo, un exfuncionario do INEM, e tres empresarios vinculados ás sinaturas IMPI e Mecánica Rocha.

Os delitos que se investigan neste procedemento, que se iniciou para esclarecer supostas contratacións de persoal ‘a dedo’ e outras irregularidades, son malversación de caudais públicos, suborno, tráfico de influencias e delito contra os dereitos dos traballadores, entre outros.

Así mesmo, o exalcalde Nelson Santos está pendente doutra causa xudicial, relativa á suposta retirada de multas de tráfico a cidadáns, utilizando para iso datos dun camioneiro de nacionalidade portuguesa sen que este o soubese. Esta causa, na que tamén se investiga o exxefe da Policía Local, tamén foi declarada complexa e segue en fase de instrución.

RETIRADA DO PSOE

O grupo municipal do PSOE no Porriño comparecera no procedemento xudicial da chamada Operación Multiúsos coa finalidade de “ter información” acerca da investigación. Dado que a Fiscalía formulou xa escrito de acusación na peza separada, e se mantén a investigación na peza principal, os socialistas retiraranse da causa, segundo confirmou a alcaldesa, Eva García de la Torre. A rexedora tamén explicou que o Concello está comparecido no procedemento pola suposta retirada de multas.

Con respecto á acusación da Fiscalía e á petición dos 10 anos de inhabilitación, a rexedora avogou por “deixar traballar” ao xulgado e ao ministerio público, aínda que desexou “a mellor das sortes” ao seu compañeiro de Corporación e antecesor no cargo.

29 de novembro de 2016 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.