publicidade hoxe

A Deputación encarga a redacción de dous proxectos para a mellora de estradas en Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCurtis
A-
A+

A Deputación da Coruña encargará a redacción de dous proxectos para a mellora das estradas provinciais DP 3201 e DP 3202 ao seu paso polo termo municipal de Curtis.

Así o anunciou esta mañá o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, ao remate da reunión que mantivo no seu despacho co rexedor curtiense, Javier Caínzos, e na que, entre outros asuntos, se abordou a mellora das infraestruturas viais do municipio.

O primeiro dos proxectos que encargará o departamento de Vías e Obras da Deputación será para levar a cabo a ampliación e mellora da estrada provincial DP 3201; unha arteria de comunicación básica para o municipio que da servizo a diversos núcleos rurais.

As actuación previstas incluirán o incremento do ancho da plataforma do vial- actualmente de 5 metros- ata os 7 metros aproximadamente, o que permitirá o paso simultáneo de dous camións nunha estrada que actualmente conta cun elevado volume de tráfico pesado, xa que na súa contorna ubícase unha importante cooperativa con máis de 500 socios.

O proxecto incluirá ademais o trasplante das árbores que flanquean o vial, xa que as súas pólas afectan ao paso dos camións, unha cuestión que correrá a cargo do Concello de Curtis.

Mellora da DP 3202 no centro de Curtis

O segundo proxecto que licitará a Deputación será a humanización da DP 3202, unha estrada de 800 metros de longo que pasa polo centro urbán de Curtis, unindo as estradas AC 840 e a DP 3204.

A redacción do proxecto incluirá a mellora da seguridade para o veciños da zona coa construción de beirarrúas ou sendas peonís e a adecuada iluminación do vial, mediante a instalación de novas luminarias.

Segundo acordaron González Formoso e Javier Caínzos na reunión desta mañá, a idea é- a medio prazo, e unha vez amañado o tramo- transferir a titularidade deste vial ao concello, por tratarse dun tramo eminentemente urbano.

21 de novembro de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.