publicidade hoxe

A Consellería do Mar apoia un proxecto de aloxamento turístico para persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOutes
A-
A+

A Consellería do Mar apoia a través das axudas a proxectos dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro a iniciativa Cabanas sen barreiras, do GALP seo de Fisterra Ría de Muros Noia (GALP 4). Este proxecto consiste na creación de seis cabanas para convertelas en establecemento de aloxamento totalmente accesible para persoas con mobilidade reducida e discapacidades auditivas ou visuais e sumarase ao de Cabanas do Barranco, situado no concello de Outes.

Esta mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou as instalacións de Cabanas do Barranco, promovidas pola empresa do Artesanato S.L., e coñeceu da man dos seus promotores os detalles do futuro proxecto Cabanas sen Barreiras. Unha iniciativa que estará totalmente integrada no medio natural e que busca, sinalou a titular de Mar, que as persoas con discapacidade poidan desfrutar do mesmo xeito que o resto da poboación dunha oferta turística de calidade.

O proxecto Cabanas sen barreiras, apoiado con 200.000 euros, é un dos 72 aprobados na convocatoria de axudas de 2016 para proxectos dos GALP ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, explicou Rosa Quintana. En total, todas estas iniciativas foron aprobadas por un valor de máis de 4,6 millóns de euros e a través delas prevese crear máis de 60 postos de traballo, lembrou.

Todos estes proxectos, destacou a titular de Mar, son un exemplo de dinamización socioeconómica das zonas de pesca e promoven, entre outros aspectos, o emprego – algúns deles o feminino fundamentalmente-, a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.

Por outra banda, Cabanas do Barranco, é unha iniciativa que tamén foi apoiada pola Consellería do Mar a través dos anteriores Grupos de Acción Costeira (GAC), correspondentes ao programa operativo anterior do Fondo Europeo da Pesca. Consiste en oito cabanas ecolóxicas totalmente integradas na paisaxe, construídas con madeira reciclada de bateas arredor dunha aula de cociña na que se realizan obradoiros e se elaboran precociñados de produtos do mar. Combina o servizo de aloxamento cos de obradoiros, artesanía e gastronomía, así como a organización de actividades formativas, de ocio e tempo libre destinadas a unha grande diversidade de xente.

Conservas artesanais e centro de transformación

Ademais, Rosa Quintana visitou hoxe outros proxectos do GALP 4 subvencionados pola Xunta. Un deles é unha conserveira artesanal, localizada en Nebra, Porto do Son, promovida pola sociedade Sotavento SL e integrada por dúas socias menores de 40 anos. As conservas que elaborará serán de produtos das rías do ámbito territorial do GALP. A axuda a esta iniciativa é de máis de 34.700 euros.

Outro proxecto deste grupo que coñeceu Rosa Quintana é un centro de elaboración e transformación de produtos do mar, en Abelleira (Muros), promovido pola empresa Mariscos Antón Fernández, S.L. Esta iniciativa consiste na rehabilitación dunha antiga depuradora de moluscos, na localidade de Abelleira, un proxecto apoiado con 500.000 euros.

30 de novembro de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.