publicidade hoxe

Sentenza absolutoria para os vixilantes da Confraría de Baiona xulgados por suposta falsidade nunha acta de infracción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal PortadaSucesos
A-
A+
Europa Press

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza absolutoria para os tres vixilantes da Confraría de Baiona que foron xulgados por emitir unha acta de infracción supostamente falsa, na que se denunciaba que un exvixilante exercera actividades de furtivismo.

Os acusados, Xosé L.V., Diego R.R., e Darío F.H., que sentaron no banco o pasado 20 de setembro, ratificáronse na acta durante o xuízo, mentres que o suposto furtivo, José Luis L.S., defendeu a súa inocencia, alegando que, o día dos feitos, se atopaba nunha charla en Noia.

Na sentenza, o Tribunal absolve os tres procesados por entender que non se cumpren os requisitos dos delitos dos que se lles acusaba: falisificación de documento público e denuncia falsa. Así, a sala determina que os vixilantes non son autoridades públicas nin funcionarios e, polo tanto, as súas denuncias non teñen eficacia probatoria nin presunción legal de veracidade.

Non obstante, na resolución da Audiencia especifícase, como un feito probado, que os acusados reflectiron nunha acta de infracción que o exvixilante estaba a cooperar en actividades de furtivismo, ás 10.00 horas do 4 de outubro de 2013, na zona de Pedornes, en Oia; aínda que, nese momento, José Luis L.S., estaba en Noia.

Na sentenza tamén se admite que os acusados narraron na súa denuncia uns feitos, “a sabendas de que os devanditos feitos non respondían á realidade”, aínda que sinala que esta circunstancia non deixa de ser unha falta á verdade por parte de un particular “que o lexislador deixou fóra do ámbito punitivo”.

Inicialmente, a Fiscalía pedía, para cada un dos tres acusados, 2 anos e 3 meses de cárcere, ademais de multa de 3.000 euros. Pola súa parte, a acusación particular (exercida polo exvixilante denunciado falsamente), pedía seis anos de prisión e máis de 14.000 euros de multa, ademais dunha indemnización de 9.000 euros por “danos morais”.

27 de outubro de 2016 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.