publicidade hoxe

Rey Varela destaca o traballo de ASPABER na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
O conselleiro de Política Social na visita ao centro. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social na visita ao centro. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe o centro de día e o centro ocupacional da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (ASPABER), sito na localidade de Carballo. Esta visita forma parte da rolda de encontros que o titular da carteira autonómica está a realizar por toda a Comunidade Autónoma.

Rey Varela tivo a oportunidade de coñecer o “importante traballo que leva a cabo ASPABER dende hai 40 anos, encamiñado a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias e intentando dar resposta ás necesidades de integración social”.

ASPABER conta cun centro ocupacional que ofrece atención a 78 usuarios e no que se facilita o desenvolvemento das capacidades residuais en áreas formativo-laborais e ocupacionais coa finalidade de conseguir un axuste persoal, social e laboral que os leve á súa integración e á normalización das súas condicións de vida.

Así mesmo, a entidade conta cun centro de día que facilita apoios e servizos diversos, a través de actividades funcionais e significativas de tipo formativo, terapéutico, ocupacional e lúdico do que se benefician 30 persoas con discapacidade intelectual.

ASPABER tamén ofrece atención residencial de luns a venres a un total de 16 persoas. Trátase dun centro de convivencia temporal ou permanente en réxime de internado para persoas con discapacidade con necesidades de apoio límite e intermitente que por razóns sociais, familiares ou ocupacionais, teñan dificultades para a súa permanencia no seu fogar.

Rey Varela destacou o completo traballo que desenvolve a entidade xa que ademais dos servizos mencionados, conta tamén cun centro especial de emprego. Nel xeran condicións laborais para a incorporación das persoas con discapacidade intelectual a un posto de traballo, levando a cabo cantas accións sexan adecuadas para ofrecer produtos e servizos competentes e de calidade dentro do mercado aberto nun marco de economía social. Deste xeito, os 44 traballadores adscritos a este centro, realizan tarefas de limpeza viaria, carpintería e escaiola e limpeza de edificios públicos.

Así mesmo, o conselleiro en funcións lembrou que a Xunta de Galicia mantén con ASPABER un concerto de 125 prazas para o que a administración autonómica inviste un millón de euros neste 2016.

Rey Varela destacou que o goberno autonómico –actualmente en funcións- “non é alleo á importancia que teñen estes centros no desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade”. Deste xeito, lembrou que “estamos iniciando unha lexislatura co compromiso de desenvolver un ambicioso plan de atención á discapacidade, polo tanto é fundamental coñecer as necesidades de ASPABER e das entidades do sector”, afirmou o conselleiro.

O titular en funcións da carteira autonómica insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e coas entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade, por elo ASPABER sempre contará neste obxectivo co apoio da Consellería de Política Social”.

24 de outubro de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.