publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Preto de 250.000 persoas accederon ao Monumento natural das Catedrais durante este verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

Un total de 247.770 persoas accederon entre os meses de xullo, agosto e setembro ao Monumento Natural da Praia das Catedrais. A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz López, deu a coñecer os datos do balance de visitantes á praia das Catedrais, que neste ano incrementáronse nun 25% respecto dos datos rexistrados no mesmo período de 2015.

O reparto por meses é o seguinte: 81.903 foron en xullo, 116.885 en agosto e 48.982 en setembro; o que tamén se traduce en que se completou o aforo nun total de 29 días, tres no mes de xullo e 26 no mes de agosto; fronte aos cinco días rexistrados en 2015. 

Tal e como explicou a directora xeral de Conservación, analizando aos datos de visitantes segundo a procedencia obsérvase que a maioría veñen doutras Comunidades Autónomas, principalmente de Madrid, Barcelona, Valencia, Asturias, Sevilla, León e Biscaia; tendo en conta a información que facilitan ao solicitar a súa autorización a través da páxina web. Tamén indicou que o número de visitantes estranxeiros incrementouse ata case os 8 puntos no computo global con respecto ao ano 2015, cando se rexistraron 7.184 fronte aos 18.356 deste ano, é dicir, duplicouse o número de visitantes estranxeiros.

Visitas guiadas

A directora xeral de Conservación recordou que este verán, ao igual que en 2015, se mantivo a actividade de visitas guiadas gratuítas polo monumento natural. Estas visitas están guiadas por persoas tituladas e no transcurso das cales se facilita información e se divulgan os valores ambientais do espazo natural.

Estas visitas organizábanse en dous grupos de 25 persoas cada un, cunha duración aproximada de media hora, durante a baixamar diúrna, aproximadamente dúas horas antes e dúas horas despois do momento da baixamar.

En total, 15.644 persoas participaron nas visitas guiadas, sendo o mes de agosto o período no que se rexistrou un maior número de de visitas.

Á vista dos datos rexistrados na tempada de 2016, pódese reafirmar- sinalou a directora xeral- que o sistema de regulación de accesos posto en marcha o 1 de xullo, responde o obxectivo de conservar o espazo protexido ordenando o acceso, dado o importante impacto que estaba a supoñer unha afluencia masiva de visitantes de forma desordenada e moi concentrada no tempo.

Cómpre lembrar que o sistema de acceso previsto consiste simplemente na obtención dunha autorización gratuíta, que pode descargarse a través da aplicación web https://ascatedrais.xunta.es, e que ademais lle dá cumprida información do horario das mareas para cada día (recoméndase visitar o monumento desde dúas horas antes da marea baixa e ata dúas horas despois), como o número de autorizacións dispoñibles para cada día.
O sistema de regulación de acceso coa cota límite de 4.812 visitantes remata o 30 de setembro.

7 de outubro de 2016 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.