publicidade hoxe

Os participantes de “Encontros na Terra” despídense do Carballiño e comezan as estadías xunto ás familias de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, despediu hoxe na Residencia do Carballiño aos participantes no programa “Encontros na Terra”, unha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Consellería de Política Social que ten por obxectivo favorecer o achegamento de emigrantes galegos e galegas á súa terra.

Nesta edición, están a participar un total de 127 persoas maiores de 65 anos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, México, Uruguai e Venezuela. Todas elas desfrutaron dunha estadía na Residencia do Carballiño, en réxime de pensión completa. Durante este tempo, levaron a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, con excursións en transporte colectivo a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional.

Tras pasar dúas semanas no Carballiño, agora comeza a segunda fase do programa que consiste nunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias entre eles e elas.

A titular autonómica agradeceu o compromiso que os e as participantes no programa manteñen con Galicia a amosou o seu apoio e recoñecemento a todos os galegos e galegas que residen no exterior.

14 de outubro de 2016 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.