publicidade hoxe

Os catro policías acusados de torturar a un detido aseguran que non o golpearon

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSucesos
A-
A+
Europa Press

Os catro axentes de Policía Nacional da Coruña acusados de torturar un detido negaron golpear o home, quen, pola contra, mantivo que os axentes lle propinaron ata catro “porrazos” e que lle atizaron “por todos lados”.

A Audiencia Provincial da Coruña acolleu este martes a primeira sesión do xuízo contra cinco acusados, catro deles policías nacionais, por uns feitos acontecidos en abril do 2012.

Neste caso, a Fiscalía pide un ano e tres meses de prisión para o residente nun rañaceos da Coruña acusado de agredir os axentes que acudiron tras ser alertados polos veciños de que o home estaba a golpear o mobiliario debido ao seu estado de embriaguez.

Para os axentes, aos cales acusa de golpear “de forma inxustificada” o veciño, o Ministerio Público solicita cinco anos e medio de prisión para cada un deles, ademais de 10 anos de inhabilitación para formar parte do corpo.

GOLPEADO EN COMISARÍA

O afectado, que se atopaba ebrio, foi golpeado, segundo o relato do fiscal, cando estaba “completamente só” na comisaría de Lonzas, a finais de abril de 2012.

O home, que non podía abrir a porta da súa casa, foi arrestado polos axentes tras ser alertados polos veciños da súa vivenda cando comezou a golpear todo o mobiliario do relanzo.

“ESTABA MOI AGRESIVO”

Nas súas respectivas declaracións, os catro axentes aseguraron que “en ningún momento” golpearon o home, quen, segundo declararon, se “encarou” con eles e mesmo chegou a lesionar a un dos policías.

“Estaba moi agresivo”, dixo un dos axentes que, ao igual que os seus outros tres compañeiros, sinalou que ningún deles chegou a utilizar a defensa regulamentaria posto que “non tiña ningún sentido” no lugar onde se atopaban -o relanzo do edificio-.

Así, todos eles atribuíron as feridas que manifestaba -máis dunha decena de lesións -ao “forcexo” para tratar de reducilo e aos feitos acontecidos con anterioridade á súa chegada, cando o home estaría a golpear o mobiliario do edificio-.

“Non se lle deu ningún golpe a este rapaz”, afirmou o primeiro policía, quen tamén manifestou que este veciño da Coruña, a pesar de estar ebrio, tiña “moita forza” e era “moi agresivo”.

“GOLPEÁRONME POR TODOS LADOS”

Fronte a estes testemuños, a suposta vítima recoñeceu que ese día inxerira alcohol e que, ao non poder acceder na súa vivenda, chamou ao timbre e golpeou insistentemente a porta para tratar de conseguir que lle abrisen; pero nega dar golpes contra o resto do mobiliario do edificio.

Segundo a súa declaración, nun primeiro momento os policías nacionais lle deron “coa man no ombro” para que se levantase e, tras pedirlles o número de placa, estes lle deron ata “tres porrazos e le “golpearon por todos lados”, chegando mesmo a tirarse enriba del.

Os golpes volvéronse repetir, proseguiu este veciño da Coruña, ao chegar a comisaría, cando lle deron “un porrazo no estómago” nada máis baixarse do vehículo no que o trasladaran dende o seu domicilio. “Caio de xeonllos e dinme: Vaite acordar de nós toda a túa vida”, relatou ante o tribunal.

“Eu en todo momento lles dicía que non fixera nada e lles pedía poder chamar a miña avogada e ir ao médico”, comentou, e asegurou que pasou bastante tempo ata que o levaron ao médico para ser examinado. O xuízo continuará o mércores.

18 de outubro de 2016 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.