publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Supremo amplía o prazo para pronunciarse sobre os recursos polo asasinato de Asunta Basterra

Europa Press

A Sala do Penal do Tribunal Supremo ampliou un mes o prazo para pronunciarse sobre os recursos interpostos polos pais de Asunta Basterra, Rosario Porto e Alfonso Basterra, contra a sentenza que os condenou a 18 anos de prisión polo asasinato da súa filla.

Os recursos presentados polos condenados ante o Supremo foron abordados nunha reunión o pasado 21 de setembro e retomados no encontro da seguinte semana. Pasado este trámite, establecíase un prazo de 10 días para ditar sentenza.

Con todo, dada a “complexidade e proliferación de temas obxecto de estudo”, e o “consecuente esforzo e tempo preciso para a materialización da resolución”, a Sala acordou prorrogar un mes máis o prazo para emitir un fallo.

Os recursos sobre os que deberá fallar o Supremo foron presentados polas defensas de Porto e de Basterra despois de que o TSXG ratificase a condena a 18 anos de prisión para cada un dos pais que determinou a Audiencia Provincial da Coruña polo asasinato da súa filla Asunta.

No mes de marzo, o TSXG confirmou a condena aos pais de Asunta emitida pola Audiencia Provincial nun auto no que se avalaban os feitos recolleitos como probados no auto orixinal do xuíz Jorge Cid Carballo, excepto no punto que se refire á participación directa de Alfonso Basterra na morte da nena.

MODIFICACIÓN SEN ALTERACIÓN DE PENA

Así, o alto tribunal galego introduciu unha modificación nos feitos probados segundo a cal foi Rosario Porto a única culpable de asfixiar á súa filla Asunta, aínda que determinou que isto o fixo “en execución do plan preconcibido” con Alfonso Basterra para acabar coa vida da menor.

Aínda tendo en conta isto, e tras desestimar as irregularidades alegadas polas defensas dos pais, o TSXG indicou que a pena que cabía impor a Basterra por este caso era a mesma que a Porto, 18 anos de prisión por asasinato con agravante de parentesco e abuso de superioridade.

Agora deberá ser o Supremo o que determine se esta sentenza está correctamente fundamentada ou se, como alegan as defensas dos pais, a condena carecía de probas.

Asunta Basterra Porto, de 13 anos, morreu asfixiada o 21 de setembro de 2013, aínda que o seu corpo, abandonado nunha pista forestal nas proximidades de Santiago de Compostela, non foi localizado até a madrugada do día 22. A investigación posterior, que terminou co encarceramento dos seus pais adoptivos, determinou que, ademais, a menor consumira antes da súa morte e nos meses previos distintas cantidades de ‘lorazepam’, a última en rango “tóxico”.

10 de outubro de 2016 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.