publicidade hoxe

O Festival Agustín Magán chega á súa décimo quinta edición con espectáculos de seis grupos de teatro afeccionado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

O Festival Agustín Magán regresa un ano máis a Santiago de Compostela cunha mostra do teatro amador que veñen realizando en Galicia os grupos afeccionados. Os próximos días 29, 30 e 31 de outubro, e o 1 de novembro, o Salón Teatro e o Teatro Principal acollerán a representación das obras finalistas da décimo quinta edición do festival, unha iniciativa promovida pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)– e que conta tamén co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

A sede do Centro Dramático Galego foi esta mañá o escenario da rolda de prensa na que se deu a coñecer o novo cartel do festival, ao que o director da Agadic, Jacobo Sutil, se referiu como “unha iniciativa importante tanto pola traxectoria sostida durante 15 anos como pola implicación social e cultural que establece cada outono na capital de Galicia”. Tamén se sumou ao recordo sobre a figura de Agustín Magán, “quen tanto fixo polo teatro en Compostela e en Galicia, sobre todo desde a compañía Ditea, berce de grandes actores e actrices que traspasaron o ámbito afeccionado para se converter en referentes da interpretación”, declarou.

Fegatea: formación, exhibición e intercambio creativo

Jacobo Sutil situou o apoio que lle presta a Xunta de Galicia ao Festival Agustín Magán, no marco de acción conxunta que recolle o convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Educación e Fegatea. Expresou que a este colectivo se lle recoñecen, deste xeito, as súas constantes accións de formación, exhibición e intercambio creativo desenvolvidas durante todo o ano polos máis de 50 grupos escénicos das catro provincias que o integran.

Así mesmo, fixo mención á sinerxía que se creará entre os dous escenarios que o acollen, o Salón Teatro e o Teatro Principal, aos que se incorporará, como novidade, unha representación ao aire libre pola rúa Nova, na que se atopan ambos os espazos.

Conformada por seis espectáculos doutras tantas compañías de teatro afeccionado, a programación foi detallada pola presidenta e polo tesoureiro da Fegatea, Chelo Pampillón e Manuel Davila, respectivamente.

Espectáculos de diferentes xéneros e estilos

A programación desta nova edición inclúe espectáculos de diferentes xéneros e estilos, a cargo dos grupos Teatro Escoitade, Tangatutanga, Atrezo Teatro, Fanfarra de Sonos, O Trasno Novo Teatro, Porta Aberta e Axóuxere Teatro, que amosarán a constante evolución do teatro afeccionado galego e da súa capacidade de innovación a través de diversos espectáculos que se representarán no Teatro Principal e no Salón Teatro en horario de 19:00 e de 21:00 horas, respectivamente.

A apertura da décimo quinta edición do festival correrá a cargo de Teatro Escoitade, que o 29 de outubro ofrecerá o seu espectáculo de rúa baseado no segundo lance de ‘Os vellos non deben de namorarse’, entre as 18:00 e as 19:00 horas na rúa Nova. Ese mesmo día, Tangatutanga representará no Salón Teatro ‘Que deus nos colla confesados’. O domingo 30, a sede do Centro Dramático Galego acollerá a obra de Fanfarra de Sonos ‘Suite up’, mentres que, previamente, a compañía Atrezo Teatro porá en escena o seu ‘Chicago Killers’ no Teatro Principal.

Ao día seguinte, o festival comezará a semana con outros dous espectáculos. O primeiro deles, da compañía O Trasno Novo Teatro, preséntase baixo o título ‘En venda’ e terá lugar no Teatro Principal. O segundo, ‘A casa do senador’, porao en escena o grupo Porta Aberta nas táboas do Salón Teatro. Finalmente, o Agustín Magán 2016 despedirase o 1 de novembro no Teatro Principal co espectáculo ‘A rúa do inferno’, a cargo de Axóuxere Teatro.

As entradas para cada un dos espectáculos poderán adquirirse a 4 euros nas billeteiras do Salón Teatro e do Teatro Principal, con opción a bonos de 12 euros para catro funcións.

Apoio ao teatro amador galego

Desde o seu nacemento, a Federación Galega de Teatro Afeccionado foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego. Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro. Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ao teatro, creando unha programación teatral estable no territorio galego e tamén traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais.

Para contribuír con estes obxectivos, a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic, coa actividade desenvolvida por Fegatea nos últimos anos, que inclúe, entre outras, actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán e o Circuíto Galego.

25 de outubro de 2016 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.