publicidade hoxe

O DOG publica a orde de aprobación definitiva do PXOM de Mondoñedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondoñedo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Mondoñedo, que vén a actualizar o planeamento urbanístico vixente na localidade, con 38 anos de antigüidade.

Entre outros avances, o novo PXOM contribúe á posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural do municipio, a través da delimitación do trazado do Camiño Norte; fomentando a rehabilitación a través dun novo Plan especial de protección, que renova e amplia o actualmente vixente; e impulsando dous novos plans especiais para os barrios de Os Muíños e San Lázaro. En canto á defensa do medio natural, o PXOM presta especial atención á Serra de Xistral-Toxiza, que forma parte da Rede Natura 2000.

Ademais, o novo planeamento palía o déficit de espazos públicos e zonas verdes de Mondoñedo. Crea o Parque do Castro –como parque arqueolóxico- e o Parque Lineal do río Valiñadares. Ademais, amplía a área deportiva de Viñas da Veiga e impulsa o equipamento cultural nos terreos do convento de Alcántara.

Cabe destacar que o PXOM aposta tamén por promover a actividade económica, ao delimitar áreas no solo urbano para usos de tipo industrial e comercial. Incorpora, ademais, as previsións contidas no “Plan Auga”, de abastecemento de Galicia, e propón a instalación de ETAPs que complementen ás existentes, así como a ampliación do sistema de depuración nos asentamentos do rural.

Xa por último, tamén prevé un crecemento sustentable, no que os posibles incrementos de poboación absorberanse sempre dentro dun marco ordenado. En concreto, o 63% do crecemento previsto concéntrase no solo urbano (no que se prevén 959 vivendas), e o 37% restante nos 106 núcleos rurais (con 570 vivendas).

O Goberno galego está a apostar firmemente por promover estas ferramentas de planeamento nos concellos, co fin de impulsar un desenvolvemento urbano ordenado en sostible. Así, en 2009, había 33 concellos cun PXOM actualizado, mentres que agora a cifra total xa acada os 91.

6 de outubro de 2016 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.