publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a declaración do Espazo Natural de Interese Local “Ribeiras do Mero-Barcés”, en Abegondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se declara o espazo natural de interese local (ENIL) denominado “Ribeiras do Mero-Barcés”, no Concello de Abegondo.

A declaración será provisional durante un período de dous anos –que comeza a contar a partir de mañá-. Durante ese prazo de tempo, o concello deberá elaborar un plan de conservación que terá que ser aprobado pola Xunta de Galicia como requisito previo para a súa declaración definitiva como ENIL.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza, como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

O artigo 17 da lei establece que, por petición dun concello, e tras solicitar os informes preceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. A declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mentres que a responsabilidade da súa xestión será municipal.

Este espazo natural contribúe a preservar diversos hábitats de interese comunitario, como os bosques de ribeira de alisos e prados de sega, así como bosquetes de carballeiras, castiñeiros, ameneiros e bidueiros situados en torno aos ríos. O novo ENIL colinda cos límites da Zona de especial Conservación (ZEC) “Encoro de Abegondo-Cecebre”, espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura 2000, polo que coa declaración favorécese, non só a conservación destes hábitats, senón tamén a conectividade ecolóxica entre espazos ao actuar como verdadeiros corredores verdes conectando ecoloxicamente o territorio.

25 de outubro de 2016 | 11:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.