publicidade hoxe

Medio Ambiente inviste 60.000 euros no acondicionamento do sendeiro rural de Reiro, en Vila de Cruces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+
Beatriz Mato na visita aos traballos de acondicionamento

Beatriz Mato na visita aos traballos de acondicionamento

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 60.000 euros no acondicionamento do sendeiro rural de Reiro, no lugar de Sulago, pertencente ao concello de Vila de Cruces.

A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, achegouse hoxe ata esta localidade pontevedresa para coñecer a evolución e estado actual destes traballos que, segundo precisou, permitirán “mellorar un importante espazo natural, ao tempo que responderán ás demandas dos veciños”. Ao respecto, recordou que esta zona se integra na Rede Natura 2000, polo que conta con medidas especiais de protección e conservación.

En concreto, as actuacións que se están acometendo pasan pola recuperación e restauración dos accesos ás leiras, deterioradas polas crecidas do río Deza; pola protección da marxe do río e restauración da vexetación de ribeira; pola canalización do último tramo do río, ao longo duns 15 metros; e pola mellora da capacidade de desaugue do brazo dereito do río.

Esta iniciativa inscríbese nunha actuación global da Consellería, que destinará uns 900.000 euros á mellora de áreas recreativas e zonas verdes que permitan poñer en valor os valores ecolóxicos e a biodiversidade de diferentes zonas de Galicia.

Con todo, esta non é a única vía de colaboración entre o departamento autonómico e Vila de Cruces, tal e como recordou Mato durante a súa visita. En total, desde 2009, a Consellería ten investido preto dun millón de euros en distintas actuacións nesta localidade.

Aproximadamente a metade do orzamento destinouse a obras de abastecemento e saneamento na parroquia de Fontao e de Bodaño. Ademais, tamén se financiou a construción do punto limpo e concedéronse axudas para a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

10 de outubro de 2016 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.