Investigan se un móbil achado na zona de Rianxo está relacionado con Diana Quer
A Garda Civil investiga a procedencia dun móbil achado na zona do municipio coruñés de Rianxo e se ten relación coa moza madrileña Diana Quer, desaparecida desde finais de agosto.
Así o sinalaron fontes próximas á investigación, que precisaron que este xoves foi localizado un móbil por unha persoa que se dedica ao marisqueo na zona de Rianxo, onde algunhas testemuñas supostamente situaron á moza o día da súa desaparición, en concreto na área do porto de Taragoña.
Por iso, agora o Instituto Armado, que enviou a Galicia efectivos de Madrid especializados en desaparicións, trata de determinar se o terminal achado ten relación con Diana Quer.
O sumario relativo a esta investigación permanece baixo segredo por orde do Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira (A Coruña) até o 20 de novembro, segundo a última prórroga acordada.
A moza de 18 anos de idade desapareceu o pasado 22 de agosto no municipio coruñés da Pobra do Caramiñal, onde veraneaba coa súa nai e a súa irmá menor.