publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Espazos Sonoros viaxa á Inglaterra de Shakespeare coa música do Ensemble Rosarum Flores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaBergondo
A-
A+

O tenor Wilfried Rogl e o grupo de música antiga Rosarum Flores son os protagonistas da programación desta semana do festival Espazos Sonoros, que chegará o sábado 15 de outubro ao concello coruñés de Bergondo. Nun concerto gratuíto e con acceso libre ata completar a capacidade, que dará comezo ás 19:00 horas, o conxunto austríaco recreará o contexto musical no que viviu e traballou William Shakespeare, cuxa obra, sobre todo a teatral, estivo estreitamente vinculada á música.

Para iso, o programa presenta unha escolla de música para laúde, composta arredor de 1600, de autores coetáneos do escritor –do que se cumpren catrocentos anos do seu pasamento–, como John Dowland, Thomas Morley, Robert Johnson ou Jakob van Eyck, que musicaron coas súas composicións textos de Shakespeare. Ademais de lle achegar ao público a beleza das músicas inglesas do tránsito ao Barroco, o concerto tamén incidirá na obra do escritor, cunha escolma dos seus sonetos recitados polo xornalista Anxo Quintela.

O pazo de Mariñán

Previamente ao concerto, as persoas inscritas participarán nunha visita guiada polas instalacións do pazo de Mariñán, que foi na súa orixe unha edificación defensiva mandada construír, no século XV, polo nobre Gómez Pérez das Mariñas. Á morte de Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza, en 1933, o pazo pasou a mans da Deputación Provincial da Coruña por desexo do finado, para que fose destinado a fins sociais. Actualmente, o pazo ten varios usos, para actos institucionais, docentes e como museo, no que está depositada boa parte da colección artística da deputación.

Concerto de clausura coa pianista Paula Ríos

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, o festival de música e patrimonio Espazos Sonoros poralle o peche á súa novena edición o próximo martes 18 de outubro na sede da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na Coruña. Alí dará comezo, ás 20:00 horas, o concerto de clausura, coa pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot –única muller integrante do Grupo dos Oito, o equivalente musical da Xeración do 27– e do seu home, o compositor, investigador e activista cultural galego Xesús Bal y Gay.

Música en espazos patrimoniais

Ao longo das súas nove edicións, o festival Espazos Sonoros vén propoñendo un achegamento ao patrimonio cultural a través de concertos e de actividades en espazos de especial interese das catro provincias galegas. Neste 2016, desde o pasado 3 de setembro Espazos Sonoros percorreu diferentes edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Palas de Rei e de Baiona a través dunha programación dirixida por Belén Bermejo e conformada este ano por nove concertos e mais actividades, como camiñadas, visitas guiadas e obradoiros de música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.

A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos que se converteron este ano en escenario de Espazos Sonoros para escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, La Xácara, La Compagna, Solo Voces e o organista Adrián Regueiro.

Concertos de balde e actividades con inscrición previa

A programación de Espazos Sonoros 2016 pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.

13 de outubro de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.