publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Dous xóvenes de Carballo son detidos por roubar en múltiples establecementos da Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoCarballoLocal PortadaPortada dereitaSanta CombaSucesos
A-
A+
Europa Press

Dous mozos, con identidade D.B.M. e F.S.I. e veciños de Carballo (A Coruña), foron detidos acusados de pertencer a un grupo criminal ao que se lle atribúen múltiples roubos en diversos establecementos de localidades da Costa da Morte, así como de Arteixo e Santa Comba.

Segundo informou este venres a Garda Civil, o arresto dos dous presuntos autores tivo lugar o xoves despois de que os investigadores localizasen un dos vehículos utilizados polos autores para cometer os feitos delituosos.

En concreto, trátase dun BMW 320 que supostamente subtraeran días antes e que escondían nunha zona boscosa do municipio da Laracha. Así, cando os axentes vixiaban o vehículo sorprenderon ‘in fraganti’ a tres homes que trataron de darse á fuga. Mentres que dous foron detidos, un deles conseguiu escapar a través do bosque e aínda non foi localizado.

A Garda Civil explicou que os roubos eran maioritariamente cometidos en establecementos de hostalaría, onde accedían ás máquinas comecartos. O grupo criminal estaría composto por uns tres ou catro mozos cunha alta taxa de actividade delituosa e cunha estrutura funcional moi definida.

O instituto armado non descarta novas detencións e continúa as investigacións para tratar de esclarecer todos os feitos delituosos similares perpetrados na provincia da Coruña nas últimas semanas.

7 de outubro de 2016 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.