publicidade hoxe

Ángeles Vázquez coñece os detalles do proxecto de Dairylac en Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelide
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión con representantes de Dairylac

Ángeles Vázquez na reunión con representantes de Dairylac

A conselleira do Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, recibiu a representantes da empresa láctea Dairylac que lle presentaron o proxecto que están a desenvolver no concello de Melide. Vázquez puido coñecer as características da reforma que a compañía quere levar a cabo e na que destaca a construción dunha torre de secado que permitirá procesar 300.000 toneladas de leite ao ano cando estea a pleno rendemento.

Esta actuación forma parte da iniciativa que Dairylac –compañía integrada por cooperativas Icos e Codeira, Xes Galicia e outros pequenos inversores– quere desenvolver para a produción de leite en po e derivados lácteos a partir do soro procedente da elaboración de queixos. En concreto, Ángeles Vázquez e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuníronse cos conselleiros de Dairylac, Juan Manuel Cividanes e Jesús Bardelás, así como co vicepresidente da compañía, Javier Taboada, e o asesor Antonio Couceiro. Todos eles trasladaron á titular de Medio Rural a súa intención de desenvolver un proxecto empresarial a longo prazo e ao que pretenden sumar novos socios produtores de leite galegos. Segundo as explicacións dos portavoces, para iso desenvolverán novas gamas de produtos como leite en po, manteigas, artigos de alimentación infantil e proteínas, entre outros.

Neste senso, Ángeles Vázquez agradeceu a súa intención e valorou o feito de que outra empresa se anime a apostar polo sector lácteo como xa fixeron no seu momento Goodleit, cunha nova planta que requirirá un investimento de arredor de 70 millóns de euros e a creación duns 130 postos de traballo, ou Entrepinares, que ampliará a súa planta de Lugo para aumentar tamén a produción cun orzamento duns 16 millóns de euros, sen esquecer o anuncio das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas de unirse nun só grupo lácteo galego.

18 de outubro de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.