publicidade hoxe

A terceira edición do Programa Integrado de Emprego de Marín mellorará a formación de 60 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarín
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe no inicio do Programa Integrado de Emprego (PIE) Emprega Marín III, unha iniciativa apoiada desde a Xunta e a través da cal 60 alumnos e alumnas deste municipio pontevedrés recibirán formación para facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

Alfonso Marnotes destacou que este programa ofrece unha cualificación adaptada á demanda do mercado laboral, mellorando a inserción laboral dos participantes. Neste caso concreto, un total de 60 persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, participarán na terceira edición do Programa Integrado Emprega Marín, coa previsión de acadar unha inserción no mercado laboral de polo menos o 40%.

O programa ten previsto elaborar itinerarios individualizados para as persoas demandantes, que inclúen información, orientación, formación e asesoramento, ademais de técnicas para a busca de emprego e fortalecemento das habilidades sociais coa finalidade de completar un perfil axeitado para o acceso ao mercado de traballo.

Así, durante o próximo ano, os participantes mellorarán as súas capacidades profesionais en áreas como comercio, cociña, mecanizado, carpintería ou almacenaxe. De feito, entre as accións formativas incluídas no PIE Emprega Marín III, están cursos de operacións auxiliares de comercio, operacións básicas de cociña, mecanizado e elaboración de pezas de carpintería, actividades auxiliares de almacén, así como módulos de técnicas activas para a busca de emprego, de habilidades sociais e de igualdade. Como formación complementaria ofertarase un curso de alfabetización dixital, cunha duración de 30 horas.

Ademais, levarase a cabo a prospección laboral dos participantes, establecendo relacións co empresariado da comarca, facendo así un labor de intermediarios entre as empresas e os demandantes de emprego.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral puxo en valor a cooperación entre a Xunta e os concellos para o desenvolvemento destes programas integrados de emprego; ao tempo que recordou que este ano puxéronse en marcha en Galicia un total de 28 novas iniciativas similares que, cun orzamento de case 3 millóns de euros, teñen previsto beneficiar a preto de 1.700 persoas.

A estes plans súmanse os obradoiros de emprego, centrados na realización de obras ou na prestación de servizos de interese xeral e social. Cunha duración de 6 meses, cada obradoiro alterna formación e práctica profesional co obxectivo de fomentar o emprendemento e de mellorar a aprendizaxe, a cualificación e adquisición de experiencia profesional.

Marnotes apuntou que tanto os programas integrados como os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta a través da que en Galicia se fomenta a formación, a capacitación e a especialización co obxectivo de impulsar o emprego estable e de calidade, reducir a taxa de paro ata o 10% en 2020, xerar 100.000 novos empregos e crear ou converter 50.000 contratos en indefinidos.

17 de outubro de 2016 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.