publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A raíña Letizia inaugura o curso de FP en Mondoñedo entre mostras de cariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondoñedoPortada esquerda
A-
A+
Europa Press
O presidente da Xunta acompañando á raíña Letizia no percorrido polo centro. Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta acompañando á raíña Letizia no percorrido polo centro. Foto: X. Crespo

A raíña Letizia visitou este martes a localidade lucense de Mondoñedo para inaugurar de forma oficial o curso escolar de FP, un acto para o que elixiu o instituto San Rosendo e no que recibiu o cariño dos mindonienses ao tempo que se interesou pola formación profesional e a evolución dos alumnos.

A raíña chegou en torno ás 11,30 horas ao IES San Rosendo, ás portas da cal a esperaban centenares de persoas que a recibiron con palabras de cariño e vítores. Dona Letizia respondeu ao caloroso recibimento achegándose á multitude congregada para saudala e intercambiar unhas palabras.

A concisa cerimonia de inauguración, sen intervencións, consistiu no descubrimento dunha placa conmemorativa. Ademais da súa maxestade, no acto participaron personalidades do ámbito civil e militar, como o ministro de Cultura, Íñigo Méndez de Vigo; o delegado do Goberno, Santiago Villanueva; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Antes do acto de inauguración oficial do curso, a raíña visitou algunhas das aulas do IES San Rosendo, onde a esperaban os 50 alumnos que cursan as distintas modalidades de FP que oferta. Nas ventás das aulas tamén se amontoaban os restantes estudantes do centro, movidos pola curiosidade da visita real.

En primeiro lugar, dona Letizia visitou a aula de formación da FP de Xestión Forestal, onde os alumnos lle mostraron as súas aprendizaxes, e desprazouse despois á aula de Agroxardinería e Arranxos Florais, onde, tras charlar cos alumnos e interesarse pola evolución dos seus estudios, recibiu un ramo como regalo.

MOI SONRIENTE E PRÓXIMA

A raíña, que estivo en todo momento moi sonriente e próxima aos alumnos e profesores, percorreu tamén, no pavillón do centro, unha exposición de proxectos innovadores de FP que desenvolven 10 centros de Galicia e se interesou detalladamente por cada un deles.

Finalmente, e tras recibir como regalo unha caixa de produtos típicos da zona, dona Letizia compartiu cos presentes un cóctel elaborado no propio centro de formación.

GRANDE EXPECTACIÓN

A visita da raíña a esta localidade lucense xerou unha grande expectación entre os mindonienses que, tras máis de hora e media de visita, aínda esperaban a dona Letizia á súa saída para berrar ‘Viva a raíña’ e aplaudir.

Tanto novos como persoas de máis idade se quixeron achegar ata as portas do instituto para saudar a dona Letizia e mesmo se puido ver o persoal e pacientes do centro de saúde da localidade, moi próximo, que saíron a pescudar acerca dunha visita da que se falaba en rúas, cafetarías e terrazas.

Pouco despois das 13,00 horas, a súa maxestade despediuse, antes de subir ao coche oficial, do público congregado ás portas do San Rosendo que, posteriormente, tamén aplaudiu a Alberto Núñez Feijóo entre berros de ‘presidente, presidente’.

PROTESTA DA CIG

Coincidindo con este acto, unha trintena de persoas do sindicato CIG concentráronse ás portas do IES San Rosendo para protestar contra os recortes en educación e reclamar a derrogación da LOMCE.

Con bandeiras e pancartas, os manifestantes berraron consignas á chegada tanto do presidente da Xunta coma do ministro de Cultura, encabezados polo secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.

Aínda que nun primeiro momento se concentraran ante a fachada do instituto, a Garda Civil obrigounos finalmente a desprazarse cara a outra zona, onde continuaron con consignas como ‘Feijóo, Mariano, a LOMCE é un engano’ ou ‘A LOMCE é a lei do Opus Dei’.

4 de outubro de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.