publicidade hoxe

Villanueva pide que se achegue calquera dato, por irrelevante que pareza, sobre Diana Quer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do CaramiñalLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, realizou de novo este xoves un chamamento para pedir “a colaboración cidadá, o apoio por parte da poboación” na investigación sobre a desaparición da moza madrileña de 18 anos Diana Quer.

“Calquera dato que poidan achegar a este caso por moi irrelevante que pareza pode ser tido en conta polos investigadores”, explicou, en declaracións aos medios no marco dunha visita en Lugo.

Sobre a investigación da rapaza desaparecida hai un mes na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal, Villanueva manifestou que “continúan todas as hipóteses abertas, non hai nada pechado”.

“A Guardia Civil segue investigando, tanto con medios destinados en Galicia coma con medios reforzados de fóra da comunidade e céntranse tanto en investigacións na propia comunidade autónoma, o ámbito da Pobra e Rianxo, e tamén na zona de Madrid, con entrevistas e interrogatorios a xente coñecida, de familiares, do ámbito da moza e da súa familia”, comentou.

Así, incidiu o delegado do Goberno en Galicia en que “están todas as hipóteses abertas, segue traballando a Guardia Civil tanto con control de móbiles, como outras actuacións que consideren necesarias en cada momento para tratar de esclarecer o caso”.

Sobre a causa xudicial aberta ao respecto, Villanueva recordou que se “ampliou o segredo de sumario un mes máis”, polo que “os datos que se poden dar son estes para non poder prexudicar a investigación”.

22 de setembro de 2016 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.