publicidade hoxe

Vázquez destaca a proxección dos produtos agroalimentarios pola súa calidade e o recoñecemento dos consumidores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a proxección que están a acadar os produtos agroalimentarios galegos nos diferentes mercados, grazas á súa extraordinaria calidade e ao recoñecemento que teñen entre os consumidores, tanto no eido nacional como internacional. Explicou ademais que a Xunta defende a súa posta en valor e promove a súa visibilidade, con diferentes accións de promoción. Lembrou tamén que a gastronomía é un dos principais recursos turísticos de Galicia, sendo o segundo motivo de visita para os nosos turistas, tras a natureza.

Neste contexto da divulgación, a conselleira e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, acompañaron hoxe ao prestixioso chef internacional Hirohisa Koyama en dúas das súas visitas programadas durante a súa estadía na nosa Comunidade. Esta estancia está promovida por Turismo de Galicia co fin de que poida coñecer de primeira man, precisamente, a calidade dos nosos produtos alimentarios e a nosa oferta gastronómica.

A primeira destas visitas foi ás instalacións da “Finca Los Cuervos S.L.”, situada no concello coruñés de Teo e especializada en agricultura ecolóxica e produtos gourmet. Esta empresa foi fundada no ano 2009 e conta con cinco predios especializados, cunha extensión total de 1,5 hectáreas, nos que desenvolve unha agricultura respectuosa coa contorna.

Dispón de dúas áreas de negocio, a primeira centrada nos monocultivos, con máis de 2.000 metros cadrados de invernadoiros e 10.000 leitugas en produción, destinados a grandes clientes. A segunda, de alta hostalería, sustentada en terreos de 10.000 metros cadrados, con produtos que van destinados aos usuarios finais dos restaurantes aos que a compañía subministra.

Galo de Curral

A continuación, a conselleira, a directora xeral e o chef xaponés coñeceron a granxa escola “O Curral do Galo Celta”. Esta iniciativa, localizada no concello pontevedrés de Vila de Cruces, xurdiu co fin de poñer en valor o galo de curral e, en xeral, para divulgar os valores e as actividades propias do rural galego. Trátase dunha antiga casa rural que incorpora obradoiros de elaboración de produtos agroalimentarios e de cociña, así como zona de horta e un centro dedicado á avicultura artesanal centrado no galo de curral. E precisamente a degustación deste produto foi unha das actividades organizadas para o chef Koyama.

Este prestixioso cociñeiro é propietario dalgúns dos restaurantes máis importantes do Xapón, e conta tamén cun establecemento que leva o seu nome no centro cultural nipón de París. Está considerado un dos máis destacados representantes da alta cociña xaponesa e é autor de varias obras divulgativas sobre gastronomía, que se distinguen pola súa erudición.

O chef atópase en Galicia convidado por Turismo de Galicia. O programa da súa visita inclúe clases maxistrais para alumnos e profesores organizadas polo Centro Superior de Hostelería de Galicia e percorridos por diferentes restaurantes, explotacións e empresas do sector primario galego. Así, esta mañá estivo con representantes da asociación “A Pementeira”, que elabora e comercializa pementos de Herbón, e pola tarde coñecerá en Cerceda a empresa provedora de algas “Porto Muíños”. Mañá sábado ten previsto visitar explotacións de Rubia Galega en Cospeito e Portomarín e ao longo do domingo e o luns coñecerá a produción de mexillóns e albariño nas Rías Baixas, antes de regresar, o martes, a Xapón.

16 de setembro de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.